27 sept 2017

Presentación "Nomes de fume"

Presentación “Nomes de fume”
Día: 29 de setembro
Hora: 20h
Lugar: Adega da Capeleira
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín abre o curso coa presentación do poemario “Nomes de fume” da veciña de Bueu, Miriam Ferradáns, o vindeiro venres 29 de setembro a partir das 20h na Adega da Capeleira, situada na rúa do Forno de Marín.
As poesías que compoñen “Nomes de fume” prodúcense nunha casa na que hai unha perda e en como se trata esa perda. Que consecuencias ten tanto no ámbito persoal como no social. Os poemas centranse nas ideas do esquecemento, o silencio, a aniquilación e a incineración e como unha voz vitalista se aferra ao recordo como única vía de xestionar a dor.
Un dos costumes que tiña a xente antes era queimar, ou agasallar, a roupa da persoa que morría. Desfacerse das súas pertenzas. Mesmo das fotos. O fume serve como metáfora diso. Cando se queima todo, que queda? Queda o nome da persoa. Un nome que non che deixan pronunciar. Todo o demais desaparece. Queda só un nome tabú, impronunciable. Pero a nena, o neno, non quere esquecer. Aprendeu a respirar o fume, o que queda da queima.
Con este poemario Miriam Ferradáns acadou a vixésimo novena edición do Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé por, segundo o seu xurado – formado pola marinense Lara Dopazo, Paco Souto e Eduardo Velasco – o seu fío narrativo que conduce a quen o le ao longo de todas as páxinas cun estilo limpo e cunha clara vontade de construción dunha voz propia e que goza dunha forte unidade e solidez.
Miriam Ferradáns, nada en Bueu, ten publicados dous poemarios “deshabitar unha casa”, co que gañou no 2016 o Premio Francisco Añón, e “Nomes de Fume”, co que gañou o Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé. Alén de resultar premiada por estes poemarios, tamén gañou outros premios como o terceiro premio do certame Xuventude Crea no 2012 co poema “Novecomaoito”. O Premio Rosalía de Castro de Cornellá no 2013 e 2014 cos poemas “Decibel” e “Ruído”, certame no que acadou o segundo premio no 2016 xunto co certame Manuel Leiras Pulpeiro de Mondoñedo por “Do tacto”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario