28 sept. 2017

Presentación “O xogo de Babel”

Presentación “O xogo de Babel”
Día: 29 de setembro
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O Ateneo Santa Cecilia retoma esta semana os ‘Venres do Ateneo’ coa escritora Elena Gallego Abad, que presentará o seu novo libro, “O xogo de Babel”, no Museo Torres, a partir das 20:00 horas. A novela traza, desde os distintos puntos de vista e circunstancias dos protagonistas, un intenso triángulo amoroso complicado pola fidelidade debida a unha antiga amizade que, desde a infancia, une a un home a súa amante. Canda a autora tamén participarán a profesora Susana Arizaga e o director de Xerais, Manuel Bragado.
Afastada do politicamente correcto, trátase dunha historia capaz de sorprender os lectores pola súa estrutura complexa e os xiros constantes da súa trama. A medio camiño entre a novela de viaxes e a literatura romántica, esta obra sobre o amor e o desamor está ambientada nun tempo anterior ao da creación das redes sociais, o que lle ofrece outro valor engadido.
Escritora e xornalista, a ampla traxectoria profesional de Elena Gallego está ligada a diversos medios de prensa e radio galegos. Pertence ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e á Federación Internacional de Periodistas, recibiu o Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo 1998, no apartado de medios audiovisuais. Como autora de narrativa deuse a coñecer coa saga xuvenil Dragal, publicada por Xerais: "Dragal I. A herdanza do dragón" (2010) foi finalista do IV Premio Fundación Caixagalicia de literatura xuvenil en 2009 e premio Frei Martín Sarmiento 2012; "Dragal II. A metamorfose do dragón" (2011); "Dragal III. A fraternidade do dragón" (2012) e "Dragal IV. A estirpe do dragón" (2015). Tamén se adentrou no xénero da novela policial coa obra "Sete Caveiras" (2014).

No hay comentarios:

Publicar un comentario