2 nov 2017

Magosto da Asociación Queremos Galego Marín

Acto: Magosto
Día: 4 de novembro
Hora: 17h
Lugar: Praza do Reloxo
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín organiza por quinto ano consecutivo un magosto no que repartirá castañas a todas as persoas que se acheguen á Praza do Reloxo – no caso de chuvia o magosto sería no multiusos da praza de abastos- este sábado, 4 de novembro, a partir das 17h.
Como en anos anteriores, ademais das castañas asadas de balde, tamén haberá música a cargo do grupo "Os de Marín" e para as máis pequenas e pequenos, e non tanto, xogos populares – a billarda, a ra, a chave, carreiras de sacos... – cos que colabora unha vez máis neste magosto a asociación Gharaboto.
Durante o magosto, no que colabora a Concellaría de Cultura, tamén se sortearán varios lotes de libros.
No marco da cultura popular, o Magosto ten un lugar fundamental, como as festas anuais en xeral pois constitúen algunhas das manifestacións máis xenuínas da nosa cultura coas que se poden abordar aspectos sociais, económicos, psicolóxicos, musicais...xa que nelas están presentes as crenzas e o sobrenatural, a vida comunitaria, a organización social, os produtos agrarios, as estacións.
Alén de contribuír á vixencia desta tradición, un dos obxectivos da asociación é que as novas xeracións se interesen pola cultura tradicional do noso pobo, moi vinculada coa lingua, que valoren e respecten o patrimonio natural, cultural, lingüístico, artístisco, histórico e social, concienciándose da súa importancia e da necesaria implicación na súa conservación e mellora.
Neste sentido o Magosto, que estivo moitos anos en crise, e as actividades complementares que se propoñen ao redor del, proporciónannos a oportunidade de compartirmos un tempo de lecer con persoas de distintas idades e procedencias ao redor dun produto tan noso como a castaña.
Cómpre resaltar tamén que con esta tradición a cidadanía toma conciencia da importancia dunha árbore, como o castiñeiro, que ao longo da historia tivo un papel destacado na alimentación de amplas zonas do planeta. E que, a pesar da chegada de que coa dos cultivos americanos as masas de castiñeiros e a importancia da castaña foron desprazados, segue a existir unha economía ao redor da castaña que, ademais de manter centos de postos de emprego, fixa poboación no rural galego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario