11 dic 2017

Xornadas de memoria histórica

A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín presenta o programa de actividades e actos para este mes de decembro, no que se cumpren 10 anos da súa creación.
Comezará coas XORNADAS DE MEMORIA HISTÓRICA, organizadas xunto coa Fundación Alexandre Bóveda e coa especial colaboración do Instituto Galego de Historia (Igalhis), que terán lugar os días 14, 15 e 16 .

O xoves 14, ás 20 h. no salón de actos do IES Illa de Tambo, a compañía Avelaíña Teatro porá en escea a obra “A Lola”, que representa a todas as mulleres que sobreviviron aos seus maridos, arrebatados polo terror franquista.
O venres 15, ás 18:00 h. no Museo Municipal Manuel Torres, o profesor da Universidade da Coruña Carlos Velasco Souto, iniciará o ciclo de conferencias coa ponencia “1931-1936. República e tecido social e político”. Ás 18:30 h.  Xoán Carlos Garrido Couceiro, investigador e membro da Iniciativa Galega pola Memoria, falará sobre “1931. A proclamación da República Galega” e a catedrática da Universidade de Santiago de Compostela Aurora Marco pechará esta primera parte, ás 19:00 h., con “1931-1936. Mulleres na Galiza republicana”.
A partir das 20:00 h., terá lugar a presentación do traballo de investigación “Memorias de sal e terra. O ensino no concello de Marín (1867-1940)”, de Xosé Manuel Moreira Docampo e Celso Xavier Milleiro Sánchez, editado pola Deputación de Pontevedra. Ademais dos autores, intervirán Xosé Leal, deputado provincial de Cultura e Lingua, e Enriqueta Otero, presidenta da ARMH de Marín.
Na mañán do sábado 16,  a partir das 10:30 h.,reanudarase no Museo Municipal o ciclo de conferencias coa ofrecida polo catedrático de Historia do Ensino Medio Bernardo Máiz Vásquez, baixo o título “1936. Golpe militar e represión contra a República”. A continuación, o docente e investigador Xosé Álvarez falará do “Golpe militar e represión franquista e Pontevedra e a súa bisbarra”, para rematar coa ponencia de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, profesor da Universidade da Coruña, sobre “1936\39-1950. O exilio galego alén do mar na súa primeira etapa”.
O peche destas Xornadas de Memoria Histórica será a presentación, ás 13:00 h., do libro “ Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio”, de Manuel Pérez e Carlos Babío e editado pola Fundación Galiza Sempre.

COLOCACIÓN DE PLACA CONMEMORATIVA
O sábado 23, ás 12:00h. no Museo Manuel Torres, Xosé Novas Piñeiro e Manuel Antón Mosteiro García, da Asociación Amigos de Johan Carballeira, presentarán o traballo de investigación “Crónicas da represión en Bueu no golpe militar do 36”.
Limiar da publicación:
Estas crónicas da represión en Bueu no golpe militar do 36, agrupan a revista editada no 2007 revisada, a revista editada no 2012, xunto con unha cronoloxía da represión en Bueu no primeiro ano despois do golpe e fotos de veciñas rapadas.
…..// Sirva como homenaxe aos que sufriron defendendo a democracia e as liberdades..

A continuación, ás 13:00h. no Cemiterio de A Raña, terá lugar o acto de inauguración da placa conmemorativa colocada como “lugar de memoria”, en lembranza das persoas que alí sufriron a represión franquista.
Entre os diversos sucesos acaecidos na contorna do cemiterio de A Raña, temos un especialmente tráxico e os seus tristes protagonistas eran veciños da vila irmán de Bueu.
O 6 de decembro de 1936 o concelleiro Francisco Escáneo Franco é encarcerado no calabozo de Bueu canda outros veciños. Conseguen fuxir pero volven a ser detidos esa mesa noite e asasinados nas inmediacións do cemiterio municipal de Marín. O 7 de decembro aparece o seu corpo cando o do concelleiro Francisco García Villanueva e dos dirixentes obreiros Xacinto Lamosa Novas, Xosé Seixas Camiña e Xulio Castro Martínez.

PECHE DOS ACTOS DE 2017
O profesor de historia contemporánea da Universidade de Vigo, Julio Prada Rodríguez, ofrecerá a conferencia “A represión franquista en Galiza. Algunhas claves interpretativas”, o venres 29 ás 20:00 h., tamén no museo municipal.
E cerrando os actos do 2017, a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, como cada último día do ano, lembrará aos executados do 31 de decembro de 1936, no paseo Alcalde Antonio Blanco, a partir das 13:00 h. Contaremos, nesta ocasión coa intervención de Francisco Calo Lourido, catedrático de Xeografía e Historia e investigador.





No hay comentarios:

Publicar un comentario