12 ene 2018

Presentación de GZmúsica e Ouve!

Presentación de GZmúsica e Ouve!
Día: 12 de xaneiro
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín presentará o venres 12 de xaneiro ás 20h no Museo Manuel Torres a web GZMúsica e o fanzine sobre a música galega Ouve!
A Asociación Queremos Galego Marín comeza o ano 2018 cunha actividade relacionada coa música galega no marco dunhas xornadas que se levarán a cabo durante todo este ano tituladas “o galego máis alá da literatura”.
Nun acto que se celebrará ás 20h no Museo Manuel Torres de Marín a asociación presentará dúas iniciativas de comunicación ao redor da escena musical galega como son a web GZMúsica e o fanzine Ouve!
GZMúsica é unha web nada no 2012 que se adica á música galega e pretende achegar información sobre todo o que acontece arredor das músicas do pais. Unha web onde se poden atopar desde calendarios de concertos, entrevistas, videoclips ata resumos de distintos festivais musicais que se celebran ao longo e ancho do país.
Ouve! é un fanzine en papel que se distribue desde hai case un ano de xeito gratuíto polos locais do país para falar da música galega con crónicas de concertos, críticas aos novos discos dos distintos grupos galegos.
Hai xa ben tempo que a música galega é algo máis que a música folk e as gaitas dos grupos tradicionais. Na actualidade a escena musical galega malia as súas limitacións ferve en festivais, en grupos de música que van desde o pop, o hip hop, garaxe, ata o punk, rapcore ou metal. Se non hai tantos anos eran os Diplomáticos de Monte Alto, Lamatumba, Dios Ke te Crew ou os Heredeiros da Crus eran os grupos de moda, agora cantantes coma Ses, grupos como Nao, Ezetaerre, Familia Caamagno ou Terbutalina enchen as salas de música e os festivais de seareiros que demostran o potente que é a nosa escena.
Para nos falar destes dous proxectos e do panorama musical galego a Asociación Queremos Galego Marín contará coa presenza de Dani Lavesedo fundador tanto de GZMúsica como de Ouve! e gran coñecedor do panorama musical galego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario