22 may 2018

Charla: “Palestina fronte ao monstro”


Charla: “Palestina fronte ao monstro”
Día: 26 de maio
Hora: 20h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Mar de Lumes
O sábado, 26 de maio, enmarcado nos actos de celebración do seu 5º aniversario, o Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes, organiza unha charla ás 20h na biblioteca de Marín sobre a realidade de Palestina na que estará presente o representante da esquerda palestina no Estado español Fayez Badawi.
Hai 70 anos, millóns de palestin@s quedaron condenados a un réxime de ocupación e apartheid, este feito é denominado polo pobo palestino como Nakba.
A Nakba significa o éxodo obrigado pola forza do pobo palestino, obrigado a buscar refuxio e asilo fóra da súa terra. É a data que conmemora a expulsión do pobo palestino da súa terra e a colonización sionista de Palestina.
O movemento sionista co apoio das potencias coloniais inventou o estado de Israel sobre as ruínas de 480 aldeas palestinas destruídas, expulsando os seus habitantes mediante o exercicio do terror, a tortura e o masacre. Tamén deu comezo unha loita xusta pola recuperación dos dereitos lexítimos do pobo palestino para recuperar a súa terra e polo regreso dos expulsados.
Na véspera do 70 aniversario da Nakba, en todos os medios de comunicación puidemos ver como Israel o celebraba asasinando a 60 persoas e ferindo a máis de 2.400. Unha vez máis, fronte a un pobo desarmado que reclama a súa terra o exercito israelí, coa complicidade dos gobernos occidentais, dispara e bombardea dando mostras do desprezo pola vida e os dereitos humanos.
Puidemos contemplar en directo a realidade da ocupación de Palestina. Por unha banda, e como se dunha película de Hollywood se tratase, os EEUU inauguraban a súa embaixada en Xerusalén, pola outra, todo o mundo podía ver como o exercito de ocupación Israelí masacraba os palestinos que se manifestaban reclamando sen armas o que lexitimamente lles pertence, a súa terra.
Fayez Badawi falará desta realidade e destes acontecementos desde o coñecemento directo desta realidade.


No hay comentarios:

Publicar un comentario