2 may 2019

Charla: Efervesciencia. A divulgación científica en galego


Charla: Efervesciencia. A divulgación científica en galego
Día: 3 de maio
Hora: 19:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín organiza para este final de curso unhas xornadas que xirarán ao redor da ciencia en galego.
Existen determinados prexuízos lingüísticos que son alimentados de xeito explícito ou implícito por determinados sectores da sociedade galega que se instalan no imaxinario da xente e impiden investigar ou divulgar aspectos científicos na nosa lingua.
Algúns destes prexuízos son fomentados polas institucións públicas que deberan defender e promocionar a nosa lingua. Así a Xunta de Galiza no famoso decreto do plurilingüismo prohíbe dar as aulas de materias que teñen a ver coa ciencia en galego, dando lugar a casos como o dunha profesora de matemáticas da Pontenova, onde o alumnado é case 100% galegofalante, á que se lle abriu un expediente por usar o galego nas súas clases.
Para romper con estes prexuízos a Asociación Queremos Galego Marín organiza unhas pequenas xornadas que xirarán ao redor da ciencia na nosa lingua e na que se tratarán determinados aspectos como o da divulgación de distintos ámbitos científicos.
A primeira destas xornadas será o venres 3 de maio a partir das 19:30h no Museo Manuel Torres e terá como protagonista a “Efervesciencia”, o espazo de información científica da Radio Galega que dirixe Manuel Vicente.
Efervesciencia comezou a emitirse na Radio Galega no ano 2006 e está producido pola USC e financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía. Nos anos 2008 e 2009 recibiu o Premios de Xornalismo Científico Galicia Innovación da Xunta de Galiza e no 2013 o Prisma da Casa das Ciencias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario