Charla: Ceos Galegos. A astronomía desde aquí
Día: 7 de xuño
Hora: 19:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos
Galego Marín pecha este venres 7 de xuño a primeira edición das Xornadas da
ciencia en galego cunha charla sobre astronomía e unha saída fotográfica
nocturna.
A Asociación Queremos Galego Marín pon
punto e final á primeira edición das Xornadas da ciencia en galego con dúas
actividades relacionadas coa astronomía. A primeira delas é ás 19:30h no Museo
Manuel Torres é unha charla na que o físico Dositeo Veiga presentará o proxecto
“Ceos galegos” e dará unhas nocións básicas do que podemos observar no ceo
nocturno durante todo o ano.
Ceos Galegos é un
proxecto de divulgación e comunicación social. De ciencia, no sentido amplo da
palabra, pois inclúe astronomía, xeoloxía, bioloxía… pero tamén historia,
arqueoloxía, literatura. De fotografía, pois artéllase ao redor dunha imaxe
fermosa do ceo, ou didáctica, ou curiosa. De cultura, porque o coñecemento
científico tamén é cultura. Porque coñecer o noso contorno máis próximo
permítenos comprender mellor quen somos e de onde procedemos, proxectándonos
cara o futuro. Pero tamén permítenos valorar mellor os ceos doutros lugares,
porque podemos aprezar as semellanzas e as diferenzas.
Dositeo Veiga é licenciado en Física
pola Universidade de Santiago de Compostela. Tamén é o responsable principal
do www.apodgalego.com, a tradución ao galego do Astronomical Picture Of the Day da NASA e redactor na única revista que aínda se
edita en castelán con temática astronómica: AstronomíA. Socio fundador da Asociación
Galega para a Comunicación e a CulturaCientífica e Tecnolóxica.
Para despois da charla, se o tempo o
permite, a Asociación Queremos Galego Marín organiza unha saída á Lagoa de
Castiñeiras para fotografar e contemplar o ceo nocturno e ver in situ aquilo
que nos explique durante a charla Dositeo Veiga. Alén disto, esta saída tamén
pretende concienciar as persoas que participen dos efectos da contaminación
luminosa e como esta non nos permite gozar do ceo nocturno en todo o seu
esplendor.
O punto de encontro será ás 23h na
entrada da Lagoa de Castiñeiras, aínda que tamén para a xente que non teña
coche ou non coñeza a zona, os membros da asociación quedarán ás 22:35h na
caseta de turismo de Marín.
Unha vez agrupadas todas as persoas que
participen percorreremos algúns puntos do espazo natural como a propia lagoa, a
mámoa do Rei ou o miradoiro de Cotorredondo para contemplar o ceo nocturno,
fotografalo e comprobar os efectos da contaminación luminosa que emiten as
vilas da ría.
Para participar nesta saída é preciso,
se se ten, traer unha cámara de fotos con modo manual, un trípode, un
disparador remoto, lanternas, roupa de abrigo e calzado cómodo.
Esta actividade é aberta a todas aquelas
persoas que, con independencia dos seus coñecementos en fotografía e/ou
astronomía, desexen participar e pasar unha boa noite observando e fotografando
as estrelas.
Cómpre aclarar que non é ningún curso
onde un profesional lle explicará a cada unha das persoas que participen como
realizar fotografías. Trátase de que as persoas que participen compartan os
seus coñecementos de fotografía e/ou astronomía coas demais e reflexionen sobre
o territorio que habitamos e a importancia de non agredilo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario