Mostrando entradas con la etiqueta Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns. Mostrar todas las entradas

12 nov 2014

Foro aberto de debate "Centro de saúde"

Acto: Foro aberto de debate "Centro de saúde"
Día: 19 de novembro
Hora: 20horas
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns
O Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns de Marín organiza o mércores 19 de novembro o segundo dos seus debates dentro do seu "Foro Aberto de Debate" que comezaron o mes de outubro.
Desta volta o tema a debater é o futuro centro de saúde de Marín a as características e tipo de xestión que este debera ter.
Para debater sobre este tema o Movemento contará coa presenza de Manuel Martín, médico de atención primaria no centro de saúde de Seixo e portavoz de SOS Sanidade Pública, e Luisa Lores, médica radióloga do CHOP e tamén membro de SOS Sanidade Pública.
O debate terá lugar o mércores 19 de novembro a partir das 20h na biblioteca de Marín.

9 oct 2014

Foro aberto de debate "Reforma electoral e participación cidadá"

Acto: Foro aberto de debate "Reforma electoral e participación cidadá"
Día: 17 de outubro
Hora: 20:30 horas
Lugar: Local Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns
O Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns naceu a comezos do ano 2012, en plena ofensiva privatizadora dos servizos públicos, do recorte de dereitos políticos, sociais e laborais, levada adiante por distintos gobernos, independentemente da súa cor e ámbito, e practicamente en todas as institucións. A nosa intención foi e segue a ser concienciar e promover unha mobilización en defensa dos bens comúns: a sanidade pública, as prestacións por desemprego, as pensións, os dereitos democráticos, etc.
Con esta intención ao longo destes anos, organizamos concentracións, actos públicos, debates, participamos en manifestacións organizadas por outras plataformas en defensa da sanidade e dos servizos públicos e protestamos pacífica, silenciosa, reiterada e contundentemente nos plenos do concello de Marín contra as políticas de recortes.
Despois de máis de 30 meses da creación do Movemento os motivos e obxectivos que perseguíamos naquela altura están máis vixentes do que nunca. Os servizos públicos seguen a sufrir recortes e privatizacións, os dereitos de manifestación e opinión son limitados, os dereitos sociais e laborais case desapareceron.
Polo tanto, reafirmámonos como un movemento veciñal político, aberto, plural e apartidario, lonxe, xa que logo, dos esquemas, lóxicas e intereses dos partidos políticos.
E valorando como positiva a nosa acción durante todo este tempo, relanzamos a nosa actividade este curso organizando un foro de debate no que o protagonismo e o peso será das persoas partícipes. A maior parte dos actos e debates, os nosos incluídos, que se celebran na nosa vila teñen como único protagonista a ou o conferenciante deixando a veciñanza como mera espectadora.
O Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns quere romper con esa dinámica, por iso poñemos a andar un novo formato no que as e os veciños sexan os protagonistas, para que tomen a palabra e expresen a súa opinións libremente sobre os distintos temas que vaiamos propoñendo para tirarmos conclusións conxuntas, sen necesidade de intermediarios, que abran novas vías de actuación.
O primeiro destes debates celebrarase o vindeiro 17 de outubro a partir das 20:30h no local do Ateneo Santa Cecilia arredor da reforma electoral proposta polo goberno do estado e a participación cidadá nos concellos e outras institucións.
No mes de Novembro temos previsto debater sobre a dotación sanitaria no concello de Marín, sobre as condicións mínimas que debe ter o novo centro de saúde así como a xestión que se vai facer del.

19 ene 2014

Reunión aberta de traballo sobre o dereito ao aborto

Acto: Reunión aberta de traballo sobre o dereito ao aborto
Día: 29 de xaneiro
Hora: 20:30 horas
Lugar: Biblioteca Municipal de Marín
Organiza: Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns
Durante o mes de febreiro o Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns porá en andamento unha campaña para sensibilizar e concienciar a veciñanza de Marín, especialmente as mulleres, sobre o que suporá a reforma do Partido Popular na lei do aborto.

Para levarmos esta campaña adiante o 29 de xaneiro a partir das 20:30 horas celebrarase unha reunión de traballo aberta a todas aquelas persoas interesadas en participar e aportar ideas e facer propostas. A reunión terá lugar na biblioteca municipal de Marín.

14 ene 2014

Proxección documental "Sicko"

Acto: Proxección documental "Sicko"
Día: 23 de xaneiro
Hora: 20 horas
Lugar: Biblioteca Municipal de Marín
Organiza: Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns
O xoves 23 de xaneiro ás 20h na biblioteca de Marín o Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns proxectará o documental “Sicko” do director estadounidense Michael Moore.
“Sicko”, estreado no ano 2007, describe o sistema sanitario dos Estados Unidos baseado no aseguramento privado da cobertura dos beneficios sanitarios, o que dificulta o acceso a un sistema de saúde de calidade e universal a millóns de cidadás e cidadáns estadounidenses.
A reacción do establishment político e mediático ante “Sicko” foi o de intentar desacredítalo por todos os medios, así a pesar do grande éxito de taquilla a grande maioría dos medios de información trataron de ridiculizar o documental e ocultar ou disfrazar unha realidade que fai que arredor de 18.000 persoas morran ao ano pola falta de atención médica, e que 46 millóns non teñan ningún tipo de cobertura sanitaria e outros 102 millóns teñan unha cobertura insuficiente.
A sanidade pública en Estados Unidos cubre o presidente, os membros do congreso, os membros das forzas armadas, así como arredor do 52% do gasto incorrido polas persoas anciáns. O goberno federal e estatal pagan as facturas médicas do 12% da poboación empobrecida. Non é de extrañar pois que unha das maiores preocupacións das e dos estadounidenses sexa o pago das facturas médicas e das polizas de seguro privado pois a imposibilidade de facerlle fronte é unha das maiores causa de bancarrota familiar.

Coa proxección deste documental o Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns pretende concienciar a veciñanza de cara a onde queren conducir o noso sistema sanitario. Tal e como manifestaban Manuel Martín e María Luisa Lores durante a presentación do libro “A contrarreforma sanitaria” imos camino dunha sanidade privada onde as e os que teñan cartos poderan sandar e as e os que non veranse privados dunha sanidade pública e universal como acontece na actualidade en Estados Unidos.

10 ene 2014

Presentación "A contrarreforma sanitaria"

Acto: Presentación "A contrarreforma sanitaria"
Día: 17 de xaneiro
Hora: 20 horas
Lugar: Biblioteca Municipal de Marín
Organiza: Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns
O vindeiro venres, 17 de xaneiro, ás 20h na biblioteca de Marín o Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns contará coa presenza de Manuel Martín (médico de atención primaria no centro de saúde de Seixo e portavoz de SOS Sanidade Pública) e María Luisa Lores Aguín (médico radióloga do Complexo Hospitalario de Pontevedra) para a presentación do libro "A Contrarreforma sanitaria".
Un dos sistemas de protección social que se está desmantelando de xeito sistemático no estado español é a sanidade pública. Así o afirman as e os autores desta obra, quen, tras analizar o proceso de privatización neoliberal que politicamente se impuso en decenas de países occidentais nos anos setenta, amosan como, aproveitando a actual situación de crise, se está a producir unha ofensiva, acelerada e de grande intensidade, para destruíla e privatizala. Este libro sen dúbida resultará útil para entender a política privatizadora levada a cabo no noso estado. Mais, sobre todo, aporta argumentos claros para consolidar a oposición ás privatizacións, desvela os intereses que xustifican esas políticas e supón un instrumento de loita para garantir o dereito á protección da saúde da poboación.
movementobenscomuns.wordpress.com

14 feb 2013

Charla presentación "Repartindo a nosa riqueza, estudo de viabilidade da Renda Básica das Iguais en Galiza"


Acto: Presentación "Repartindo a nosa riqueza"
Día: 22 de febreiro
Hora: 20 horas
Lugar: Biblioteca Municipal de Marín
Organiza: Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns

O Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns  presentará o vindeiro venres 22 de febreiro a partir das 20h na biblioteca de Marín o libro “Repartindo a nosa riqueza”, publicación que saíu á luz o pasado mes de decembro e que expón os resultados do estudo da viabilidade da implantación da Renda Básica das Iguais en Galiza (RBis).
A Renda Básica das Iguais consiste no dereito que ten cada persoa a percibir periodicamente uns ingresos que lle permita cubrir as súas necesidades e que ha de percibirse de xeito individual; universal e incondicional e cuxa contía económica sexa, polo mínimo, igual ao limiar de pobreza. As vías para acadar os ingresos necesarios para implantación deste dereito consisten na re-asignación do gasto público e na reforma do sistema fiscal.
Segundo os últimos datos do IGE, ao remate do 2012, seis de cada dez fogares galegos recoñecían pasar enormes dificultades para chegar a fin de mes, por iso este libro que xa foi presentado en diversas cidades e vilas galegas a finais do mes de xaneiro busca xerar un debate sobre a utilidade desta ferramenta á hora de dar resposta á precarización que afoga cada vez a máis persoas e a gravísima situación de exclusión na que se atopan outras moitas. Unha proposta por unha vida con dignidade e igualdade.
Desde o Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns convidamos a toda a cidadanía a acudir a esta presentación, na que contaremos coa presenza de Diego Lores da Oficina de Dereitos Sociais de Coia, e coñecer máis polo miudo esta proposta que persegue a curto prazo redistribuír a riqueza e a longo prazo rachar co sistema capitalista.

2 feb 2013

Charla sobre o desmantelamento do transporte ferroviario

Acto: Charla "O desmantelamento do transporte ferroviario"
Día: 8 de febreiro
Hora: 20 horas
Lugar: Biblioteca Municipal de Marín
Organiza: Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns

O Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns organiza este venres 7 de febreiro unha charla coloquio a partir das 20h na biblioteca de Marín sobre o desmantelamento e privatización do transporte ferroviario.
Co único obxectivo de beneficiar a empresas amigas e en detrimento dos intereses xerais da poboación o goberno español está avanzando cara a privatización do ferrocarril público.
Por outra banda, tanto o goberno español como o galego están apostando polo modelo de alta velocidade fronte a un tren tradicional con altas prestacións, o desaparecendo tanto estacións como percorridos, deixando a poboacións enteiras sen un servizo básico.
Un sector estratéxico como o ferrocarril debe estar ao servizo da sociedade e debe xestionarse desde o público, con transparencia e control democrático para garantir un servizo de transporte sostíbel, de calidade e asequíbel para toda a poboación.
Para falar de todo isto contaremos coa presenza de representantes do SF (Sindicato Ferroviario) e da Plataforma Salva o Tren. O acto ao que convidamos a toda a cidadanía é aberto.
movementobenscomuns.wordpress.com

16 ene 2013

Charla coloquio sobre os recortes no ensino e a LOMCE

Acto: Charla coloquio sobre os recortes no ensino e a LOMCE
Día: 18 de xaneiro
Hora: 20 horas
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns

Este venres, día 18 de xaneiro, terá lugar unha charla-coloquio organizada polo Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns, de Marín, sobre os recortes no ensino e a nova lei de Educación, Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). 
Baixo o título “Os recortes no ensino e a nova LOMCE”, comezará ás 20:00 h. na Biblioteca Municipal Vidal Pazos e intervirán representantes da Liga Estudantil Galega, da Federación de Anpas de Pontevedra e do Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG).
A situación actual de recortes económicos que se asañan de novo con Educación, superando o 4% do total, repercute directa e especificamente no Ensino Público: redución de profesorado (máis do 6%), en gastos de funcionamento dos centros (entre un 6% e un 9% segundo o tipo de ensinanzas), en Universidade (máis do 5%), en rehabilitación, ampliación e mellora dos centros (entre un 10% e un 23%), en bibliotecas escolares (máis do 50%)… son algunhas das medidas que, segundo a conselleira de Facenda, farán dos orzamentos para o 2013 os “máis sociais da historia da autonomía”; afirmación, cando menos, sorprendente é contraria á realidade.
Varias organizacións de traballadoras e traballadores do ensino e de estudantes e a Confederación Española de Pais e Nais de Alumnos (Ceapa) abandonaron o pleno do Consello Escolar do Estado (CEE) o pasado outubro, como protesta por non admitirse a trámite un informe alternativo á reforma educativa (LOMCE).
Estes son só dous exemplos de que o goberno segue a vivir de costas á cidadanía e de que só serve a intereses que, dende logo, nin son públicos nin van en prol do benestar social.
O FMI vén de recoñecer o erro cometido nas súas estimacións sobre a riqueza destruída polos recortes en gasto público (por cada euro público investido de menos, destrúese máis de euro e medio de riqueza privada). Cántos nenas e nenas, mozas e mozas, deixarán de percibir aulas de apoio?, que atención deixarán as alumnas e alumnos de recibir por estaren en aulas cada vez con máis ateigadas? e cales serán as consecuencias a curto e medio prazo nas súas traxectorias académicas e vitais?; que sociedade queren “construir”  o goberno español e o galego primando os orzamentos dedicados a armamento e defensa por enriba de Educación e Sanidade?.