Mostrando entradas con la etiqueta Almuinha. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Almuinha. Mostrar todas las entradas

28 dic 2018

Visita do Apalpador


Visita do Apalpador
Día: 31 de decembro
Hora: 17h
Lugar: Alameda Rosalía de Castro
Organiza: Almuinha
A A.C. Almuinha, A.C.D. Gharaboto e a Asociación Marinense de Artesáns estamos a organizar a chegada do Apalpador a nosa vila, que terá lugar o domingo 30 de decembro. A partir das 17:00h. percorrerá as rúas de Marín acompañado do seu grupo de músicos (Os de Marín), achegándose á rapazada e repartindo doces. Ás 18:30h. chegará á carpa da Feira de Artesanía, que se atopa na Alameda Rosalía de Castro, onde fará entrega dos premios do IV Concurso de Debuxos "Debuxando ao Apalpador". 
Mais para aliviar a espera, onte inauguramos o posto do Apalpador na carpa da Feira de Artesanía, onde instalamos unha imaxe xigante do carboeiro para facer un Photocall, e quen o desexe poderá tirarse unha foto facendo de Apalpador, así como darse unha volta pola Feira, onde seguro atoparán cousas ben interesantes para os agasallos destas festas.
E por outra banda, organizamos o IV Concurso de debuxo "Debuxando o Apalpador", cuxas bases engadimos a continuación, e animamos aos/ás máis pequenos/as a que participen e leven os seus traballos á carpa até o día 30 de decembro ás 12. O ano pasado participaron máis de 60 nenos/as, así que este ano agardamos que sexan máis!
Bases do IV Concurso "Debuxando ao Apalpador":

1.­ Os debuxos deberán versar sobre a figura do Apalpador, e levará un lema escrito en galego.
2.­ Haberá tres categorías. Unha primeira para nenos/as entre 3 e 5 anos. A segunda para nenos/as con idades entre 6 e 8. E a terceira será para nenos/as entre 9 e 12 anos.
3.­ Para poder participar no concurso, cada neno/a deberá presentar un deseño orixinal, con calquera material ou técnica, relativo á figura do Apalpador. O deseño será presentado nunha folla de papel ou cartolina de tamaño A4.
4.­ Entregaranse 9 premios, para os tres mellores debuxos de cada categoría.
5.­ Os traballos terán que ser entregados como data tope o 30 de decembro ás 12 na Carpa da Feira de Artesanía, na Alameda Rosalía de Castro de Marín. Os debuxos serán expostos na Carpa desde o momento da entrega.
6.­ Para identificar os traballos, na parte de atrás dos debuxos deberá constar o nome e apelidos do autor, teléfono de contacto, así como a súa idade.
7.­ O xurado estará composto por 4 persoas: unha da A.C.D. O Gharaboto, outra da A.C.Almuinha, outra da Asociación de Artesáns de Marín e o propio Apalpador.
8.­ O veredicto do xurado darase a coñecer e os premios entregados polo propio Apalpador o día 30 de decembro ás 18:30h. na Carpa da Feira de Artesanía, na Alameda Rosalía de Castro de Marín.
9.­ A participación no concurso supón a autorización expresa para a difusión das imaxes.
10.­ A participación no concurso supón a aceptación de todas e cada unha das presentes bases, así como o criterio das 3 entidades organizadoras da actividade na resolución de calquera cuestión non prevista nestas bases.

28 oct 2018

Presentación “A casa que me mora”

Presentación “A casa que me mora”
Día: 2 de novembro
Hora: 20:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Almuinha
O vindeiro venres 2 de novembro a A.C. Almuinha presenta o libro de poemas "A casa que me mora", do poeta de Seixo Ángel Estévez Casal. O acto terá lugar no Museo Manuel Torres de Marín a partir das 20:30h.
Ángel Estévez Casal traballou como perito agrícola en diferentes zonas de Galiza e ao longo da súa vida foi escribindo poemas. Tras a súa xubilación recolleu aqueles escritos, que foi corrixindo e ordenando, e agora, aos seus 82 anos, publica o seu primeiro libro "A casa que me mora", con máis de 50 poemas.
No acto intervirán, amais do autor, José Antonio Pazos (mestre do colexio O Sequelo), Lara Dopazo (poeta), e proxectarase un poema do libro que foi musicado por José Iglesias.

25 jun 2018

Presentación de “O Diario Galego”


Presentación de “O Diario Galego”
Día: 26 de xuño
Hora: 20:30h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Almuinha
A Asociación Cultural Almuinha organiza este martes, 26 de xuño, a presentación de “O Diario Galego” o novo xornal que publicará cinco días á semana a empresa Sermos Galiza S.A.
No acto, que comezará ás 20:30h na biblioteca de Marín, participarán Mariola González Fernández (activista cultural), José Antonio Pazos (mestre do colexio O Sequelo) e Xoan Colazo (membro do Consello de Administración de Sermos Galiza).
O Diario Galego terá entre os seus principios:
O DIARIO GALEGO defenderá os intereses galegos e estará escrito na lingua propia de Galiza. Será un medio de comunicación nacional, profesional e colaborativo que proporcionará información xeral.
O DIARIO GALEGO aspira a formular temas que se botan en falta na axenda mediática do país, como poden ser traballo, cultura, ecoloxía, feminismos, lingua, diáspora, economía, memoria, historia, dereitos e liberdades civís.
Caracterizarase por manter unha mirada construtiva cara ao desenvolvemento e a transformación económica e social da realidade galega e por contribuír a que o pobo galego conforme a súa opinión sobre información obxectiva e contrastada.
O DIARIO GALEGO propiciará o diálogo entre xeracións dirixíndose a un público cun pensamento e comportamento aberto, actual e implicado pero que non ve reflectidas na prensa convencional as súas ideas de avance social. Falará de canto lles afecta e preocupa, ou mellor, facilitará que se expresen libremente esas galegas e galegos que procuran un cambio de seu para Galiza.  
O DIARIO GALEGO terá unha distribución das novas arredor de catro módulos de información (país, mundo, cultura e axenda), evitando así as seccións pechadas dos medios tradicionais. Proponse elaborar os contidos dun modo anovador neste momento: transmitindo información rigorosa baseada en datos e fontes fidedignas, co cal tratará de rachar co nesgo interesado que xeralmente lle imprimen ás novas moitos mediadores e axentes institucionais ou empresariais.  
O DIARIO GALEGO distinguirá entre opinión e información, apostará porque o lector tire as súas propias conclusións, ofrecéndolle información verificada, contrastada e afastada da posverdade. Ofrecerá a interacción e o diálogo, un espazo de comunicación aberto a todo o pobo e tratando todos cantos asuntos repercutan sobre o benestar económico, social e cultural da xente de Galiza. Somos moi conscientes de que O DIARIO GALEGO parte coas limitacións propias de quen comeza sen apoios de ningunha empresa de referencia ou grupo de presión, mais tamén coa convicción de que se lograrmos que as mulleres e os homes da nosa Terra se identifiquen con el non aforrarán esforzos para que mellore e medre. 


22 dic 2017

Chegada do Apalpador a Marín

Chegada do Apalpador a Marín
Día: 31 de decembro
Hora: 17h
Lugar: rúas de Marín
Organiza: Almuinha, Gharaboto e Asociación Marinense de Artesáns
A asociación Almuinha conxuntamente coa asociación Gharaboto e a Asociación Marinense de Artesáns organiza a chegada do apalpador a Marín para o vindeiro domingo 31 de decembro.
Ese domingo, o apalpador percorrerá a partir das 17h as rúas da vila acompañado do seu grupo de músicos (Os de Marín) e achegarase a toda a rapazada para repartir doces. Ás 18h chegará á carpa da Feira de Artesanía na Alameda Rosalía de Castro onde entregará os premios do III concurso de debuxos “Debuxando o apalpador”.
Para que a espera sexa máis levadeira, na carpa da Feira de Artesanía estará instalado o posto do apalpador, onde se atopa unha imaxe xigante do carboeiro para que así quen o desexar, poda tirar unha foto facendo de apalpador.


12 abr 2017

Conferencia: “A arte rupestre”

Conferencia: “A arte rupestre”
Día: 28 de abril
Hora: 20:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Almuinha
A Asociación Cultural Almuinha continua coas súas xornadas “Francisco Carballo” de historia de Galiza e organiza para o venres 28 de abril ás 20:30 no Museo Manuel Torres a segunda charla do ciclo.
Desta volta o tema do que se vai falar é a Arte Rupestre con Alia Vázquez, Miguel Carrero e Benito Vilas, os dous primeiros investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e o último da Universidade de Vigo.
A maiores proxectarase unha curtametraxe realizada polo arqueólogo Lukas Santiago, na que aborda o achádego dun novo petróglifo en Campo Lameiro e o proceso seguido para a súa análise e estudo.
A arte rupestre está formada por aqueles gravados sobre pedras ou rochas coñecidos como petróglifos. Os petróglifos galegos non son un fenómeno único da nosa Terra, mais si destacan a nivel mundial pola súa riqueza. A maioría dos petróglifos galegos foron realizados sobre granito, aínda que tamén se empregou a lousa e o xisto.
Existen dous tipos de petróglifos: naturalistas, con representacións zoomorfas, antropomorfas e de armas; e xeométricos, dos cales se descoñece o seu significado, entre os que se atopan circulos concéntricos, labirintos (entre os que destaca o labirinto de Mogor), deseños reticulados, espirais, puntos e coviñas.

En Marín existen abundantes exemplos de arte rupestre, destacando especialmente o petróglifo de Mogor coñecido como O Labirinto, cuxa relevancia traspasa as nosas fronteiras.

6 mar 2017

Conferencia “O entroido dos Quinteiros”

Conferencia “O entroido dos Quinteiros”
Día: 29 de marzo
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Almuinha
O vindeiro mércores 29 de marzo a A.C. Almuinha celebrará unha charla sobre o Entroido no rural de Marín dos anos corenta.
Contará co testemuño de Ángel Estévez, veciño de Santomé que relatará os recordos da sua infancia sobre as celebracións do Entroido. Tamén falará Queta Molas, quen achegará datos sobre as celebracións na vila. A charla terá lugar no Museo Manuel Torres ás 20 horas.
O Entroido galego é unha celebración de longa tradición na cultura popular, unha festa motivo de persecución e represión nos anos da ditadura, pero que pese á prohibición se continuou celebrando nalgunhas zonas do rural onde se conservaron celebracións moi particulares.
Coa fin da ditadura franquista as festas de entroido transformáronse e volvéronse cada vez máis urbanas e con novas modalidades, esquecendo o Entroido máis enxebre.
Con este acto Almuinha quere recuperar a memoria da celebración do Entroido máis antigo de Marín xa esquecido por moitos, polo que anima a asistir e escoitar os relatos do noso veciño Ángel Estévez.

2 mar 2017

Conferencia: O megalistismo en Galiza

Conferencia: O megalistismo
Día: 17 de marzo
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Almuinha
O vindeiro venres 17 de marzo a A.C. Almuinha inicia o Ciclo de Conferencias "Francisco Carballo" de Historia de Galiza. Nesta primeira ocasión tratará o tema "O megalitismo", e contará coa intervención do arqueólogo Juan Carlos Castro Carrera, director da Sociedade Anta de Moura S.L. O acto terá lugar no Museo Manuel Torres de Marín a partir das 20:30h.
Este ciclo de charlas de Historia de Galiza levará o nome de "Francisco Carballo". Desde a asociación queren tributarlle unha modesta homenaxe a un home que, malia non ser marinense de nacemento, permaneceu ligado á nosa vila con especial intensidade durante moitísimos anos, e que lle adicou unha parte moi importante da súa vida ao coñecemento da historia de Galiza e á súa difusión, polo que para Almuinha lle parece moi axeitado ligar o seu nome ao destas xornadas. 
A historia é a ciencia que ten por obxecto o estudo do pasado das sociedades humanas, e desde Almuinha parten do convencemento de que o coñecemento do noso pasado, da historia do noso pobo, constitúe un elemento imprescindíbel para a comprensión do que somos hoxe e para entender o presente no que vivimos. O que somos e todo o que nos nosos días forma parte da nosa realidade cotiá é o resultado dun proceso ao longo da historia no que interveñen multitude de elementos e factores.
O obxectivo da asociación con estas conferencias será aportar datos para a comprensión do noso presente, e no futuro irán abordando diferentes temas da historia da nosa Terra. En ocasións centrarase en falar das distintas etapas ou épocas da Historia de Galiza, como nesta ocasión na que tratará o período megalítico, mais noutras abordará acontecementos máis concretos da nosa historia.
Nesta primeira ocasión Almuinha tratará o Megalítico, período da prehistoria que podemos situar entre o século VI a.c. e finais do século III a.c. É unha época na que se estende a actividade da agricultura, co conseguinte proceso de sedentarización da poboación, e que deixa a súa pegada na nosa Terra a través de abundantes lugares arqueolóxicos (máis de 5000) que revelan a existencia dunha numerosa poboación moi espallada no territorio. As construcións características deste período son importantes monumentos feitos con grandes pedras, como os dolmens (ou antas) e os menhires (ou pedrafitas). En Marín temos exemplos desta época, entre os que podemos destacar a mámoa de Chan de Armada e o Menhir de Currás. Suponse que os nosos antepasados non vivían moi lonxe de onde se atopan as mámoas (estruturas funerarias), mais carecemos de pouca información ao respecto debido aos escasos restos atopados de asentamentos da época. Da información coa que contamos deriva esta famosa frase de Alonso del Real "Os habitantes do mundo megalítico morrían, pero non vivían". Na nosa terra, estas construcións deron lugar a numerosas lendas na tradición popular.
Para falar desta interesante época do noso pasado a asociación contará coa intervención do arqueólogo Juan Carlos Castro Carrera. Juan Carlos é Director da sociedade Anta de Moura S.L., que cofundou en 1992. Redacta, dirixe e coordina un gran número de proxectos no eido do patrimonio cultural, principalmente o arqueolóxico, relacionados con: escavación e conservación, rehabilitación, posta en valor, musealización, divulgación, planificación ou xestión. En relación co megalitismo, destacan as actuacións dirixidas de escavación e rehabilitación de distintas mámoas no Morrazo, entre elas as coñecidas Mámoa do Rei (no Lago de Castiñeiras, Vilaboa) e Chan de Armada 1 (Marín), ou máis recentemente as mámoas 1 e 3 da Tomada de Martínez, no Parque Empresarial de Castiñeiras (Bueu), finalizada en decembro de 2015. Actualmente é asesor da Fundación Lago de Castiñeiras nos temas relacionados coa arqueoloxía e en particular as mámoas: conservación, exposición, divulgación, etc.


31 ene 2017

Charla "O sistema eléctrico a debate"

Acto: charla “O sistema eléctrico a debate” 
Día: 10 de febreiro
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Almuinha
Este venres día 10 de febreiro a partir das 20:00h. no Museo Manuel Torres a asociación cultural Almuinha organiza unha charla que levará por título "O sistema eléctrico a debate".
Para este charla a asociación Contará coas intervencións de Fernando Branco Parga (Secretario de Enerxía da Federación de Industria da CIG) que falará do funcionamento do sistema eléctrico e da demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega, e Xosé M. Golpe Acuña (Asesor enerxético) que dará unha explicación sobre o recibo eléctrico.
É un tema de notoria actualidade, tras as noticias que vimos recibindo desde que comezou o ano. Por unha banda, a importante suba do prezo do recibo da luz, calculado en arredor de 100 euros de media, e por outra banda, os enormes beneficios acadados polas grandes empresas do sector. Noticias de difícil dixestión para a inmensa maioría dos fogares galegos.
E mais tendo en conta que Galiza é un país produtor de enerxía. Na nosa Terra soportamos os custes sociais e ambientais de produción, exportamos electricidade a outros territorios e non recibimos ningún tipo de beneficio por isto, pois a nosa condición de País produtor e exportador non se ve reflectido nin na factura da luz nin en calquera outro concepto.
Mais por se isto fose pouco, hai escasos días milleiros de fogares galegos ficaron sen luz durante horas, e en moitos casos durante varios días, chegando a levarse por diante a vida dunha persoa. Cómpre ser razoábeis nestes casos, e ser conscientes de que as condicións climatolóxicas foron moi adversas, mais non é menos certo que as instalacións, sobre todo no rural galego, deixan moito que desexar e son manifesta e necesariamente mellorábeis. 
O vivido estes pasados días en Galiza non é propio dun país de primeira. 
Almuinha considera moi importante abordar o tema do sistema eléctrico nun acto que lle permita achegarse ás persoas que asistan a como funciona este sector no Estado español; por que a demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega constitúe unha importante reivindicación de importantes sectores sociais, sindicais e políticos do noso País; como entender o recibo da luz e por que pagamos as cantidades que pagamos como consumidores/as, así como tratar a importante suba anunciada para este ano nos recibos da luz; e a falar do servizo que recibimos.
Por todo isto, e xa por último, a asociación anima a que a xente asista ao acto e participe, pois é un tema de moita relevancia e actualidade. 

22 dic 2016

Chegada do Apalpador

Acto: Chegada do Apalpador
Día: 31de decembro
Hora: 17h
Lugar: rúas de Marín
Organiza: Almuinha, Gharaboto, Asociación Marinense de Artesáns
A A.C. Almuinha, A.C.D. Gharaboto e a Asociación Marinense de Artesáns  organizan a chegada do Apalpador a Marín para o sábado 31 de decembro.
O apalpador percorrerá as rúas de Marín, acompañado do seu grupo de músicos, a partir das 17h. Durante o seu percorrido irá repartindo doces a toda a rapazada, estando prevista para as 18h a chegada á carpa da Feira de Artesanía, na Alameda Rosalía de Castro.

Na carpa da Feira as asociacións organizadoras entregarán os premios do II Concurso de Debuxos “Debuxando o Apalpador”, cuxas bases se poden ver no blogue da asociación cultural Almuinha.

22 nov 2016

Homenaxe a Francisco Carballo

Acto: Homenaxe a Francisco Carballo
Día:  29 de novembro
Hora: 20h
Lugar: Alameda Rosalía de castro
Organiza: Almuinha
Este martes día 29 de novembro a A.C. Almuinha organiza un pequeno e sinxelo acto de lembranza da figura de Francisco Carballo Carballo, coincidindo coa data do seu pasamento.
O acto terá lugar na Alameda Rosalía de Castro de Marín ás 20:00h. e consistirá nunha ofrenda floral e na lectura dunhas breves palabras coas que a asociación lembrará, e dalgún xeito homenaxeará a Francisco Carballo.
Almuinha contará ademais coa participación do grupo “Os de Marín” que interpretarán dúas pezas: A Marcha do Antigo Reino de Galiza e o Himno Galego.
Francisco Carballo naceu en Maceda no ano 1925 e finou en Salamanca o 29 de novembro de hai 2 anos, en 2014. Escritor, profesor, historiador, sacerdote e teólogo, a súa vida estivo marcada polo seu profundo compromiso coa Terra.
Foi unha persoa moi vinculada a Marín, xa que estivo durante moitos anos no colexio San Narciso, como profesor e aínda como director do centro algún anos.
Con 16 anos foi estudar a Madrid cos Padres Paúles onde estaría 4 anos, até que marchou a Cuenca para seguir os seus estudos filosófico-teolóxicos outros 4 anos máis, e máis tarde licenciouse en Historia cun Sobresaliente pola Universidade Complutense de Madrid.
O seu forte compromiso coa Terra levouno a participar intensamente da cida cultural, relxiosa e política galega.
Foi un dos fundadores do semanario A Nosa Terra en 1977, xornal de referencia no movemento nacionalista galego e un colaborador constante en innumerábeis ámbitos.
No ano 1979 presentouse como candidato ao Senado polo BNPG e en 1981 foi condenado a 6 meses de prisión e a unha multa por calumnias á policía na obra colectiva “Historia de Galicia”
Autor dun bo número de libros, nos que tratou diferentes temáticas como os relacionados coa igrexa galega, a historia de Galiza e figuras importantes da nosa historia como Castelao, Alexandre Bóveda, Martín Sarmiento, Moncho Reboiras ou Xosé Chao.
A súa meirande produción escrita foi en galego, como non podía ser doutro xeito, debido ao seu forte compromiso con Galiza e cos seus sinais de identidade, mais tamén deixou algunha publicación en castelán.




21 oct 2016

Presentación do libro “O anxo negro”

Acto: Presentación do libro “O anxo negro”
Día: 28 de outubro
Hora: 20:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Almuinha
O vindeiro venres 28 de outubro a A.C. Almuinha organiza a presentación en Marín da novela de Manuel Gago "O anxo negro". O acto celebrarase no Museo Manuel Torres a partir das 20:30h. e intervirá o autor do libro. Esta será a segunda vez que temos o privilexio de contar coa presenza de Manuel Gago nun acto da A.C. Almuinha. A anterior foi aló por novembro do 2010, cando baixo o título "República de homes libres: na procura dos Lordomani" abordou o sempre interesante tema dos normandos e da súa presenza en Galiza.
Manuel Gago Mariño (Ribeira, 1976) é doutor en CC. da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade, é director de culturagalega.org, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega e profesor asociado na Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, formando aos novos xornalistas na especialidade de ciberxornalismo. É editor de Capítulo Cero (www.manuelgago.org/blog), un dos blogs referentes da rede galega, no ámbito da divulgación histórica, científica, en estilos de vida, gastronomía e cultura, e por el ten recibido premios e mencións de diferentes colectivos profesionais galegos. Mantén a columna Vermello contra o mar en La Voz de Galicia e a sección As efeméridas no programa Galicia por diante da Radio Galega.
No ámbito da difusión e investigación no ámbito arqueolóxico, Gago ten participado en proxectos como a escavación do poboado da Lanzada (2010) e ten promovido e coordinado iniciativas de arqueoloxía e comunicación pública nos sitios arqueolóxicos de Pena Furada (Coirós), Torre dos Mouros (Lira, Carnota, 2012), Castro de Mallou (Carnota, 2013), Croas de Niñóns (Ponteceso, 2013) ou As Croas de Cerqueda (Malpica, 2014, en curso). É fundador de patrimoniogalego.net, a rede social do patrimonio cultural de Galicia.
Como ensaísta e escritor, Gago ten publicado libros con éxito de público. Nos últimos anos, é coautor do libro Rías Baixas, Gourmet Territory (2011), unha publicación destinada a presentar internacionalmente a gastronomía contemporánea do litoral sur de Galicia a un público de foodies e gourmets. En 2012 publicou, canda o arqueólogo Xurxo Ayán, o ensaio Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI (2.0 Editora). No 2013 editou o libro de narrativa “Vento e Chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia” (Ed. Xerais). E en 2015 Platos Rotos. Textos Gastronómicos (2003-2015), unha antoloxía da produción xornalística de Gago ao redor da relación entre viño, comida e sociedade. En 2016 foi un dos autores do libro colectivo Historia das Historias de Galicia (Xerais, 2016) e publicou a súa primeira novela: O Anxo Negro (Xerais, 2016).
SINOPSE
"A principios dos anos 80, Nicolás Bren, capitán retirado da Mariña Mercante, recibe un estraño encargo por parte dos veciños dunha parroquia montañesa da Costa da Morte: recuperar a figura roubada dunha Santa Mariña da que son moi devotos.
A investigación emprendida polo capitán, xunto cos veciños da parroquia, levaraos a transitar pola trama dun sistema corrupto e a descubrir os incribles vínculos da talla cun dos instantes decisivos da historia de Europa.
Unha novela trepidante coa que Manuel Gago se mergulla nas raíces profundas da cultura popular galega."
A HISTORIA
"Finais de 1981. Nun remoto mosteiro en ruínas desde tempos da Desamortización, unha comunidade rural coida con devoción unha pequena e escangallada imaxe de santa Mariña que ten moito que ver con eles, a súa identidade e a súa memoria. Un día, uns descoñecidos vanse facer coa imaxe da santa e desencadearán unha serie de incontrolados feitos. Nicolás Bren, un capitán da Mariña Mercante recén retirado e Andreu Meis, propietario dun bar local e contrabandista de tabaco ocasional, recibirán o encargo da parroquia para recuperar a santa. Movida por intereses que van moito máis alá do relixioso, a comunidade local enteira colaborará, non sempre con métodos legais no seu sentido contemporáneo, para recuperar a figura, intimamente conectada, dunha forma incrible, co pasado recente de boa parte das familias da parroquia. En O anxo negro un lector avisado viaxará ao longo de épocas, lugares e síntomas, descubrindo que en Galicia calquera historia encobre outras moitas.
Esta é unha historia de moitas historias silenciadas e silenciosas: a do expolio a gran escala do patrimonio relixioso do rural galego a partir da década de 1960, a historia da Mariña Mercante, clave no devir da costa galega durante moitos anos, e a das comunidades rurais dos anos 80, esquencidas pola Administración, que deciden como sempre fixeron sobre si mesmas e de acordo coa xustiza. Pero é tamén unha novela pensada para disfrutar, para engancharse e pasar páxina a páxina querendo saber que virá logo, chea de secretos e referencias que abren numerosas posibilidades para quen queira adentrarse polas portas abertas deste relato. "


19 jul 2016

VIII Romaría do Día da Patria

Acto: VIII Romaría do Día da Patria
Día: 23 de xullo
Hora: 21h
Lugar: Taberna de Lucho (Santo Tomé)
Organiza: Almuinha
O vindeiro sábado día 23 de xullo a A.C. Almuinha organiza a VIII Romaría do Día da Patria. Nesta ocasión celebrará unha cea a partir das 21:00h. na taberna de Lucho (Santo Tomé de Piñeiro), que terá un prezo de 17 euros e estará amenizada con algunha intervención musical. Para asistir á cea é preciso apuntarse por correo electrónico (a.c.almuinha@gmail.com) ou por mensaxe privada no Facebook da A.C. Almuinha.
É un encontro de confraternidade ao que a asociación convida a todas as persoas que sintan a necesidade de que a nosa Terra sexa dona de si mesma e conte con poder de decisión real para afrontar os importantes retos da nosa sociedade nuns tempos de crise que determinan un futuro incerto para a supervivencia do noso pobo.
Desde a A.C. Almuinha, como asociación sociocultural comprometida coa realidade na que vivimos, e polo tanto co noso País, considera que o 25 de xullo, Día Nacional de Galiza, convírtese nun momento de especial relevancia para a reivindicación dos plenos dereitos da nosa Terra, polo que desde o nacemento da nosa asociación alá polo ano 2008 organiza na nosa vila unha actividade para celebrar esta data, coa única excepción do ano pasado.
Almuinha parte do convencemento de que o desenvolvemento integral dos pobos só se acada cando se dispón dos mecanismos de decisión suficientes para poder levar a cabo políticas favorábeis ás maiorías sociais, así como que só nestas circunstancias se producen as condicións para que as expresións e manifestacións de todo tipo de calquera colectividade, incluídas por suposto as culturais, se manifesten na súa plenitude.

Almuinha anima, pois, a todas aquelas persoas que apostan porque o pobo galego teña a capacidade de determinar libremente o seu futuro a que se apunten á cea, e a gozar dunha boa noite entre compañeiros/as, con independencia das diferentes interpretacións e propostas que cada quen poida ter para acadala.

6 may 2016

VII Festa da Lingua

Acto: VII Festa da Lingua
Día: 14 de maio
Hora: 12:30h
Lugar: Alameda Rosalía de Castro
Organiza: Almuinha
A asociación cultural Almuinha organiza a sétima edición da súa Festa da Lingua cun programa de actividades que comezan o xoves 12 de maio e que culminarán cun acto na Alameda Rosalía de Castro o sábado 14 de maio.
A programación do sábado comezará ás 11:30h cun pasarrúas do grupo de música tradicional Pousos da Area quen percorrerá distintas rúas e prazas de Marín chamando a veciñanza á lectura colectiva que terá lugar ás 12:30h na Alameda Rosalía de Castro.
Esta lectura colectiva de textos de Manuel María, na que pode participar quen o desexar, comunicándollo previamente á organización, estará amenizada polas intervencións musicais dos grupos Pousos de Area e Os de Marín.


26 abr 2016

Cantos de taberna

Acto: Cantos de taberna
Día: 13 de maio
Hora: 21h
Lugar: Adega da Capeleira e Taberna La Navarra
Organiza: Almuinha
A A.C. Almuinha organiza o día 13 de maio unha actividade de Cantos de Taberna en Marín, da man do grupo Maravallada, dentro dos actos que programou para a VII Festa da Lingua.
Até non hai moito tempo era do máis normal entrar nunha taberna de Marín e atopar xente compartindo momentos mentres cantaba cancións populares. Esta tradicion, por desgraza, foise perdendo nos últimos tempos e Almuinha quere rememorar esas experiencias, e ogallá actividades como estas, que se organizan en diferentes localidades da nosa Terra serviran para recuperar unha tradición do máis fermosa.
Os cantos comezarán ás 21:00h na Adega da Capeleira, e ás 22:00h estarán na Taberna La Navarra contando nesta primeira ocación coa presenza  dun grupo como Maravallada, dunha gran calidade cun repertorio baseado na música tradicional, afincado en Pontevedra, e que está composto por cinco mozas e tres mozos.


25 abr 2016

Charla “Manuel María: Literatura e Compromiso con Galiza”

Acto: charla “Manuel María: Literatura e Compromiso con Galiza”
Día: 12 de maio
Hora: 20:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Almuinha
O vindeiro xoves 12 de maio ás 20:30h. a A.C. Almuinha celebrará unha charla no Museo Manuel Torres na que abordaremos a figura de Manuel María, o escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, nun acto que terá por título: "Manuel María: Literatura e Compromiso coa Terra".
Amais da súa faceta literaria, a vida de Manuel María destaca polo seu firme compromiso con Galiza.
Neste acto, enmarcado no programa de actividades da VII Festa da Lingua que organizamos desde a nosa asociación, contaremos coa participación de Marta Dacosta, poeta e profesora de Lingua e Literatura Galega no ensino medio, que fai parte do grupo de "Amigas e Amigos da Casa-Museo Manuel María".
Marta Dacosta Alonso naceu en Vigo o 29 de setembro de 1966. Licenciada en 1989 en filoloxía galego-portuguesa. É profesora de lingua e literatura galegas no ensino medio. Moitos dos seus poemas foron publicados en revistas como Olisbos, Dorna, Festa da Palabra Silenciada, en diversas publicacións colectivas e antoloxías...
Aínda que na súa producción literaria destaca a poesía ten tamén publicado algúns ensaios sobre lingua e literatura.
Comeza a publicar en revistas como Congostra, Olisbos ou A Peneira, diario no que obtén o I premio de poesía xuvenil en 1986, ou Lúa nova, da Asociación Cultural Rosalía Castro de Cornellá, onde gañou o III premio Rosalía Castro. 
O seu primeiro libro veu a luz en 1994, Crear o mar en Compostela, e desde entón ten publicado case unha ducia de libros.
Recibiu numerosos premios como o Premio de Poesía O Grelo (1993), Premio Miguel González Garcés (1995), Premio de Poesía Martín Códax (1997), Accésit Premio Esquío de Poesía (1999), Premio Johán Carballeira de Poesía (2013) e o I Premio de Poesía Figurante (2013).
Na actualidade exerce como docente do ensino medio, adícase á actividade sindical na CIG, forma parte da directiva da AELG.


23 abr 2016

Roteiro polo río Lameira

Acto: Roteiro polo río Lameira
Día: 7 de maio
Hora: 10:30h
Saída: Alameda Rosalía de Castro
Organiza: Almuinha
O sábado 7 de maio a asociación cultural Almuinha organiza a quinta andaina da xeira de roteiros “coñecendo o noso entorno” que desta volta tratará de dar a coñecer o río Lameira.
A andaina que sairá ás 10:30h desde a Alameda Rosalía de castro de Marín, subirá ata a Lagoa de Castiñeiras seguindo o percurso do río Lameira para logo volver cara a Marín. O roteiro que durará aproximadamente 3 horas pasará por lugares de grande interese como lavadoiros, o muíño do Sequelo, no que haberá unha breve explicación e demostración do seu funcionamento, a fraga do río Lameira e o propio río.

9 abr 2016

Charla “A Lomce e as probas de avaliación e as reválidas”

Acto: Charla “A Lomce e as probas de avaliación e as reválidas”
Día: 28 de abril
Hora: 20:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Almuinha
O próximo xoves 28 de abril ás 20:30h. a A.C. Almuinha celebrará unha charla no Museo Manuel Torres na que o responsábel comarcal de CIG-Ensino, Guillerme Ignacio Costa, falará da nova lei de educación (LOMCE) e explicará as novas probas de avaliación para primaria, ESO e bacharelato recollidas na nova lei da LOMCE.
Hai uns días fixéronse públicas as datas nas que se celebrará por primeira vez a avaliación a alumn@s de sexto de primaria que serán os días 11, 12 e 13 de maio, e por segunda vez a alumn@s de terceiro de primaria os días 24 e 25.
Debido á falta de información e a preocupación nas familias, Almuinha convida a todas as persoas interesadas a asistir á dita charla e poder aclarar calquera dúbida coa axuda de Guillerme Ignacio Costa.


3 abr 2016

Roteiro polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

Acto: Roteiro polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños
Día: 17 de abril
Hora: 10:30h
Lugar: Área recreativa do Monte Pornedo
Organiza: Almuinha
O vindeiro domingo 17 de abril ás 10:30h. a A.C. Almuinha organiza unha nova andaina no marco do proxecto que bautizaron como "Coñecendo o noso entorno". Nesta ocasión achegaranse ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, entre os concellos de Marín e Pontevedra. A saída será desde a área recreativa do Monte Pornedo (San Xulián-Marín).
Tras o Roteiro das Praias, o Roteiro do Monte Penizas e o Roteiro das Mámoas, nos que a asociación contou cunha importante participación, esta será a cuarta andaina que organiza coa intención de fomentar hábitos saudábeis e a práctica do deporte, o contacto coa natureza e o seu respecto, así como o coñecemento, a promoción e a posta en valor dos lugares de maior interese presentes no noso concello.
O roteiro conta con abundantes elementos de gran relevancia que fan que camiñar por esta zona sempre sexa un gran pracer. Na ruta atoparanse restos arqueolóxicos como petróglifos (entre outros o conxunto rupestre do Pornedo) e mámoas (a de Sete Camiños ou a do Catadoiro), así como unha fermosa contorna natural e unhas espectaculares vistas da ría. Mais tamén o roteiro achegará os participantes a algunha das lendas propias desta zona.
Nesta ocasión Almuinha contará coa participación de Lukas Santiago, arqueólogo marinense e Presidente da Comunidade de Montes de Lourizán. Foi unha das persoas impulsoras do proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, así como da posta en valor deste entorno privilexiado, e durante a andaina achegaralles aos asistentes información en relación co patrimonio desta zona, tanto no que se refire aos restos arqueolóxicos como ao patrimonio inmaterial, como por exemplo as lendas propias destes lugares.
http://acalmuinha.blogspot.com.es/

5 mar 2016

Charla coloquio "Lagoa de Castiñeiras: riqueza natural e cultural"

Acto: Charla coloquio "Lagoa de Castiñeiras: riqueza natural e cultural"
Día: 10 de marzo
Hora: 20:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Almuinha
Nos últimos meses estase a producir un importante debate na sociedade marinense en relación coa situación de abandono do entorno do Lago de Castiñeiras.
O Lago de Castiñeiras, situado a uns 400 metros sobre o nivel do mar, atópase situado dentro do Parque da Natureza de Cotorredondo. O Parque da Natureza de Cotorredondo, entre os Concellos de Marín e Vilaboa, é un dos parques forestais máis antigos de Galiza, e ocupa unha superficie dunhas 70 Ha.
A área recreativa do Lago de Castiñeiras foi durante décadas un privilexiado espazo de lecer para todas aquelas persoas que procuraban algo de tranquilidade en contacto coa natureza, onde familias enteiras pasaban o día nos meses de primavera o verán.
No entorno do Lago atópase o Mirador de Cotorredondo, desde onde podemos gozar dunhas espectaculares vistas das rías de Vigo e de Pontevedra, podendo divisar tamén a ría de Arousa en días claros.
É un lugar perfecto para a práctica de diferentes deportes e para a realización de paseos en bicicleta, a cabalo ou a pé.
No Parque da Natureza de Cotorredondo atópanse tamén importantes xacementos arqueolóxicos do período Megalítico e da Idade de Bronce, como mámoas e petroglifos, destacando entre as mámoas a Mámoa do Rei (Vilaboa), a Mámoa de Chan de Armada (Marín) e a Mámoa de Chan de Arquiña, xa en Domaio no Concello de Moaña.
Na actualidade continúa sendo un fermoso lugar para escapar do asfalto e do cemento das vilas e cidades, mais o deterioro do entorno da Lagoa como consecuencia do seu abandono fan que vexa reducido de xeito notábel o seu atractivo.
Estamos a falar, pois, dun espazo cun atractivo turístico de primeiro nivel, cunha potencialidade inmensa, mais este privilexiado lugar está a sufrir un importante deterioro que limita e impide un maior aproveitamento dos recursos que nos ofrece.
Desde a A.C. Almuinha non ficamos alleos a este interesante debate e queremos aportar o noso graniño de area e contribuir deste xeito a abordar un asunto de tanta actualidade na nosa vila, de cara a tentar acadar que o Parque da Natureza de Cotorredondo sexa tomado en serio e se inicie un proceso de recuperación deste privilexiado lugar.
Por todo isto, nos vindeiros días organizaremos dúas actividades:
O vindeiro xoves 10 de marzo organizamos unha Charla-Coloquio "Lago de Castiñeiras, Riqueza Natural e Cultural". Nela contaremos coa participación de Daniel Rosales (Presidente da Comunidade de Montes de Santo Tomé de Piñeiro) e Juan Carlos Castro Carrera (Arqueólogo que participou na excavación das mámoas do entorno do Lago de Castiñeiras). Será a partir das 20:30h. no Museo Manuel Torres de Marín.
E o domingo 13 de marzo organizamos a terceira andaina no marco do programa "Coñecendo o noso entorno". Será o Roteiro das Mámoas, e con ela queremos aproveitar para poñer en valor a riqueza natural e arqueolóxica do Parque da Natureza de Cotorredondo. A saída será ás 10:30h. da Lagoa de Castiñeiras, e contaremos, doutra volta, coa presenza de Daniel Rosales e Juan Carlos Castro. A duración estimada é de 3 horas, e pasaremos polas principias mámoas da zona como son a Mámoa do Rei (Vilaboa), a Mámoa de Chan de Armada (Marín) e a Mámoa de Chan de Arquiña, xa en Domaio no Concello de Moaña. O roteiro non é circular polo que agradeceríamos que aquelas persoas que teñan posibilidade deixen un coche no final da andaina, na Mámoa de Chan de Arquiña, para facilitar a volta ao punto de partida.
Xa por último, queremos aproveitar para convidar a todas as persoas interesadas na protección e promoción da riqueza natural e cultural existente no noso concello a que se acheguen a estas actividades.



23 ene 2016

Roteiro do monte Penizas

Acto: "Roteiro do monte Penizas"
Día:31 de xaneiro
Hora: 10:30h
Lugar: Igrexa de Santo Tomé
Organiza: Almuinha
O domingo 31 de xaneiro a A.C. Almuinha organiza un roteiro pola "Ruta do Monte Penizas".
A saída será ás 10:30h desde a Igrexa de Santo Tomé de Piñeiro (Marín) e rematará no centro de Marín. Na andaina contaremos coa participación do arqueólogo marinense Aarón Franco que dará unha pequena charla no Castro da Subidá. 
Será a segunda dunha serie de andainas dentro do programa "Coñecendo o noso entorno", que comezamos o pasado mes de outubro coa "Ruta das Praias", e que terá continuidade nos vindeiros meses. É unha andaina duns 7 km, de dificultade baixa e duración estimada de 3 horas.
É unha ruta de gran beleza, de gran atractivo cultural, arqueolóxico, etnográfico, paisaxístico e natural, destacando como lugares de especial interese as igrexas románicas de Santo Tomé de Piñeiro e Santa María do Campo, os muíños do río Loira, o menhir de Currás, o Monte Penizas cunhas fermosas vistas da ría, e finalmente o Castro da Subidá, onde asistiremos a unha pequena intervención do arqueólogo marinense Aarón Franco, quen participou nos traballos de recuperación do mesmo.
É un roteiro non circular, polo que cómpre telo en conta. Desde a organización deixaremos algún vehículo en Marín (na entrada do Porto, ao carón da Escola Naval Militar) para poder voltar ao punto de partida, mais por se a asistencia á andaina é numerosa sería bo que aquelas persoas que teñan a posibilidade deixen tamén algún vehículo en Marín para facilitar a volta ao punto de partida.

Para facilitar a chegada ao punto de partida do roteiro da xente que non coñeza a zona, algún membro da organización estará ás 10:00h. na entrada do Porto de Marín (ao carón da Escola Naval Militar).