26 oct 2013

Co galego até a morte. Proxeccións "Ínsula" e "Em companhia da morte"

Acto: Proxeccións: "Ínsula" de Senén Outeiro e "Em companhia da morte" de Eduardo Maragoto, João Aveledo e Vanessa Vilaverde.
Día: 29 de outubro
Hora: 20:30h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A morte e as crenzas populares que a rodean tivo, e seguen a ter, un fondo influxo social en Galiza e isto débese sen dúbida ao fondo arraigamento que na cultura galega posúe o culto ás e aos devanceiros, o respecto aos e ás mortas e ás fúnebres cerimonias que rodean o paso á outra vida, como a mortalla, o velorio, o pranto, o pan do defunto e outras moitas manifestacións que son, ou foron, tradicionais.
Aproveitando a proximidade do día de santos e defuntos a Asociación Queremos Galego Marín proxectará unha curtametraxe de Senén Outeiro, “Ínsula”, e un documentario dos directores Eduardo Maragoto, João Aveledo e Vanessa Vilaverde titulado “Em companhia da morte” que amosan moitas das tradicións, rituais e figuras que, como a Santa Compaña, rodean a morte en Galiza.
Para a proxección destas pezas, que terán lugar este martes 29 de outubro na biblioteca municipal de Marín a partir das 20:30h, a Asociación Queremos Galego Marín contará coa presenza dos seus autores.
Malia vivirmos @s galeg@s dun xeito especial a morte e termos unha lingua propia, o galego, na que foron transmitidos crenzas populares, rituais arredor da morte, podemos comprobar en días como o de defuntos, onde moita xente visita os seus mortos e mortas, ou en calquera pasamento como lamentabelmente existe unha poderosa inercia que leva a que, de xeito case automático, a lingua galega fique excluída en esquelas, notas necrolóxicas, epitafios en lápidas, cintas en ramos de flores e coroas, tarxetas, ritos relixiosos- se os houber- e mesmo na inscrición oficial do falecemento e expedición de certificados de defunción. Prodúcese deste xeito unha contradición entre a aldea d@s viv@s e a aldea d@s mort@s, xa que o galego, idioma oral maioritario na vida, non pode ser excluído ou proscrito no proceso da morte e na súa lembranza posterior. Non é natural.
Baixo o lema “Co galego até a morte” queremos reivindicar o dereito d@s galeg@s, se así o quixeren, a morrer en galego polo que demandamos das empresas e medios directamente vencellados co proceso da morte: tanatorios, funerarias, medios de comunicación (radio, prensa,…), floristerías, tendas (motivos relixiosos, lápidas) a aplicación do principio de “oferta positiva”, isto é, a realización en galego, de oficio, en todas as súas actuacións, a non ser, loxicamente, que exista vontade individual d@ cliente en sentido contrario, obviamente respectábel.
A plena normalización da nosa lingua precisa da implicación non só dos poderes públicos senón tamén d@s particulares, son os cidadáns e cidadas quen teñen que asumir responsabelmente a vontade de galeguizar as súas propias relacións, promovendo un cambio de actitudes lingüísticas na sociedade. Por iso, desde a Asociación Queremos Galego Marín animamos a cidadanía para que incorpore a lingua galega nos testamentos, incluíndo ademais unha cláusula dirixida aos/ás legatari@s para que protexan e fomenten no futuro o noso idioma.



No hay comentarios:

Publicar un comentario