14 oct 2013

Presentación poemario erótico "Noite-día"

Acto: Presentación poemario erótico "Noite-día"
Día: 18 de outubro
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
Este venres 18 de outubro ás 20h00 a Asociación Queremos Galego Marín, e dentro da súa sección O Tiraverbas, presentará o libro "Noite-Día" do poeta Alfonso Láuzara, será no Museo Municipal Manuel Torres (Marín).  O autor compartirá mesa co poeta, escritor e membro da "Porta Verde do Sétimo Andar" Miguel A. Alonso Diz. 
Noite-Día é un poemario erótico no que se recolle unha trintena de composicións, todas elas tituladas cunha única palabra. Declárase, por tanto, a concreción fuxidía do instante dende o propio rótulo, como se cada un dos poemas non fose senón unha intensa secuencia cinematográfica no conxunto maior dun filme versoerótico que vai deluvando instantes e encontros gozosos.
Hai en Láuzara unha imaxinería versal que o emparenta con outr@s poetas eróticos nosos das últimas décadas, de Xosé Luís Méndez Ferrín a Elvira Riveiro Tobío, pasando por Claudio Rodríguez Fer ou Olga Novo, por citar só algúns nomes evidentes.

Agradecida proposta esta de Alfonso Láuzara Martínez, nunha edición de A Porta Verde do Sétimo Andar que conta cunha colorista e alegórica cuberta da artista portuguesa Elisabete Pires Monteiro ‘Bebeth’, responsable tamén das evocadoras ilustracións das que se acompañan os poemas deste Noite-Día, obra primeira dun autor que aposta, decididamente, polo festival dos sentidos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario