18 oct 2013

Presentación "Sen agardar a Ulises. Vida de Rosalía"

Acto: Presentación "Sen agardar a Ulises. Vida de Rosalía"
Día: 24 de outubro
Hora: 20h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín presenta o vindeiro xoves 24 de outubro, “Sen agardar a Ulises. Vida de Rosalía”, ás 20:00 h na Biblioteca Pública Vidal Pazos, obra biográfica sobre a escritora Rosalía de Castro. Dita presentación contará coa presenza do seu autor, Manuel Lorenzo Baleirón ( gañador do Premio Xerais de Novela 2012 con “Tonas de Laranxa”, escrito coa súa filla María Lorenzo Miguéns ), e do Presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
Esta obra é un encargo da propia Fundación que trata de actualizar a figura de Rosalía en base ás novas informacións que diversas investigacións achegan sobre a súa vida e figura nas últimas décadas, tendo en conta que o último texto dispoñible data de 1982. É unha obra tan actual que mesmo conta na portada coa foto máis recente de Rosalía, descuberta hai pouco tempo entre as follas dun libro en Vigo.
Ademais, a biografía é “multilingüe”, escrita en galego e traducida ao castelán polo propio autor; ao francés por Cristina García e ao inglés por John Rutherford. “ É, polo tanto, un texto moi acaído para achegalo a falantes doutras linguas que queiran aproximarse a Rosalía”, en palabras de Anxo Angueira, destacando a importancia de “non perdermos esta amplitude de ofrecerlle a nosa mellor literatura ao mundo e de achegar a outros países a personalidade e a obra que sostén a nosa construción cultural”. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario