14 nov. 2013

Presentación Bandeira da República Galega

Acto: Presentación Bandeira da República Galega
Día: 22 de novembro
Hora: 20h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Pola República Galega

Organizado por un grupo de persoas veciñas de Marín, o vindeiro venres día 22 de novembro, ás 20:00 h., terá lugar na Biblioteca Municipal Vidal Pazos o acto de presentación da Bandeira Republicana Galega.
Contaremos coa participación de persoeiros do eido da cultura e do pensamento político do noso país como David Otero, Xosé Lois García e Xoán Xosé Abella e coa actuación dos excompoñentes de Fuxan os Ventos, Xosé Luís Rivas (MINI), Baldomero Iglesias (MERO) e Raúl Galego (gaiteiro).
Esta bandeira xorde da inquedanza “dunha pila de persoas que nos xuntamos un día, unicamente amantes de Galicia, e manifesta que non asume as cores tradicionais da bandeira da república porque, entre outras cousas, representa unicamente a segunda república e non a primeira, que é vocación desa república de liberdades e de soños que todos temos” en palabras de Baldomero Iglesias “Mero”; con ela reivindícase o espírito daquela rebelión obreira de 1931, como resposta ao caciquismo imperante e propiciada pola paralización das obras do ferrocarril, deixando sen traballo a 12.000 obreiros; foi entón cando activistas como Pedro Campos Couceiro e Alonso Ríos declararon que a solución para os problemas de Galiza era optar pola creación da I República Galega, que se proclamou no transcurso do 27 de xuño, un día antes das eleccións ás Cortes Constituíntes da II República Española.
O seu deseño, co que non se quere inventar un símbolo novo senón buscar un que sexa afectivo e efectivo para reunirnos a todos baixo esa simboloxía, parte daquel escudo de Castelao do 1937 co lema “Denantes mortos que escravos”; fíxose máis grande a estrela vermella do poder popular e incorporouse a referencia á forma dos castros máis vellos e circulares “dando a idea de que seguimos asumindo esa tradición de ser quen somos e de recoñecemento da nosa orixe”; un símbolo facilmente recoñecible, que coñecemos todos e cunha lenda que coñecemos todos, aínda non estando presente, fisicamente transcrita, e que representa “oposición ás ideas que nos asoballen ou que nos pretendan deturpar dalgunha maneira, tanto en lingua como en calquera manifestación das liberdades que pretendemos para nós e para as e os que veñan despois”.A Bandeira Republicana Galega, que identifica “a nación galega co concepto político da República e coa tradición galeguista e nacionalista deste noso país” en palabras dun dos seus creadores, o ilustrador cuntiense Heitor Picallo, foi presentada por primeira vez o pasado 29 de xuño, en Ordes, durante a celebración da III Festa da República Galega, como 82 aniversario da súa primeira proclamación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario