19 mar 2014

Charla-coloquio "Teatro e lingua. A necesidade dun teatro propio"

Acto: Charla-coloquio "Teatro e lingua. A necesidade dun teatro propio"
Día: 27 de marzo
Hora: 20 horas
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
O vindeiro xoves, 27 de marzo, a Asociación Queremos Galego Marín organiza con motivo do Día Internacional do Teatro unha palestra arredor da relación da nosa lingua con esta arte.
Baixo o suxerente título “Teatro e lingua. A necesidade dun teatro propio”, o actor, director e dramaturgo Zé Paredes falará da importancia que ten a construción dun teatro nacional galego, un teatro propio e diferenciado, e o papel que xoga a nosa lingua nesa construción.
Zé Paredes é un actor e director de escena formado en Portugal desde onde chega no 2001 da man de Roberto Vidal Bolaño coa obra “Mar revolto”. Esta experiencia alén de enriquecedora e de lle deixar unha profunda pegada é decisiva para escoller Galiza para traballar e vivir co obxectivo de continuar o labor de Vidal Bolaño de construír un teatro nacional galego.
E nese labor ademais de actuar, dirixir e escribir obras como “Os xeitos de cargar unha arma” pola que recibiu xunto Pancho Blanco o premio Rafael Dieste 2013, Zé Paredes é tamén o profesor que está a dar aulas de teatro na Asociación Queremos Galego Marín desde o pasado outono. Aulas que darán os seus primeiros froitos no vindeiro mes de xuño.
Desde a Asociación Queremos Galego Marín animamos a veciñanza a se achegar e celebrar con nós o Día Internacional do Teatro asistindo a esta charla coa que pretendemos unha vez máis sensibilizar a poboación da importancia da nosa lingua e a nosa cultura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario