19 mar 2014

Inauguración da exposición "Voilà La Femme"

Acto: Inauguración da exposición "Voilà La Femme"
Día: 21 de marzo
Hora: 20:30h
Lugar: Local Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
A exposición colectiva "Voilà la femme" regresa ao Ateneo Santa Cecilia de Marín o vindeiro venres 21. Ás 20.30 horas desta xornada inaugurará a XXI edición desta mostra artística de reivindicación feminina. A actividade naceu hai 21 anos como unha proposta pioneira ante unha necesidade de reflexión en torno ás relacións existentes entre o binomio arte-muller, utilizando este punto de referencia para diversas propostas de carácter cultural e artístico.
Antigamente, o traballo das mulleres quedaba relegado ao ámbito do cotián, xa que as expresións dirixidas ao público estaban reservadas ao terreo masculino. Actividades como coser, bordar, decorar a casa, ou pintar, quedaban ocultas tras as persianas dos fogares, e silenciadas en traballos que raramente vían a luz nos medios públicos. Esta triste condición viña reclamando, xa desde o século pasado, un cambio que revelase o pensamento e posicionamento das mulleres ante esta condición, deixar claro o que o xénero ten que dicir e, en definitiva, que o mundo soubese que "aquí está a muller".
Nesta nova edición participarán Ana Fervenza Cortegoso, Marta Moldes Grela, Rut Martínez López de Castro, Verónica Bellas Huerta, Celeste Pena Cortegoso, Delia Rodríguez Vilavedra, Sara Pérez Bello, Sabela Fernández Condesa e Aida Estrela Vigo Edreira, sendo comisaria da exposición María Emilia Barreiro Augusto e coordinadora Celeste Garrido Meira.
O Ateneo Santa Cecilia desenvolve esta iniciativa con entusiasmo desde o seu primeiro ano, aspirando a dar cabida a moitas máis mulleres en posteriores edicións, "aquelas cuxo berro aínda pode permanecer mudo, e tratando de potenciar o traballo de artistas novas, que traballan precisamente cos mesmos intereses que no primeiro caso, o que reflicte sesgos femininos no desenvolvemento das súas obras, sempre a favor da igualdade de dereitos entre mulleres e homes".

No hay comentarios:

Publicar un comentario