8 abr 2014

Conferencia: “Capitalismo, crise e soberanía. Unha visión desde Andalucía”

Día: 12 de abril
Hora: 18H
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Colectivo Nacionalista de Marín-PCPG (Partido Comunista do Povo Galego)-MGS (Movemento Galego ao Socialismo)
O próximo sábado 12 de abril o Colectivo Nacionalista de Marín, o Movemento Galego ao Socialismo e o Partido Comunista do Povo Galego organizamos un acto público co título “Capitalismo, Crise e Soberanía. Unha visión desde Andalucía“, que contará coa presenza de Antonio Torres, membro da dirección nacional do Sindicato Andaluz de Trabajadores (SAT) e Secretario Xeral de Andalucía Comunista. Será na Biblioteca municipal de Marín ás 18h.
Este acto pretende dar a coñecer, comparar e pór en común a experiencia de dúas realidades nacionais distintas. Desde unha perspectiva anticapitalista e soberanista, Antonio Torres falará da realidade de Andalucía e o seu papel dentro do estado español, a situación de crise económica imposta polo gran capital ao conxunto dos pobos do estado e a visión andaluza da cuestión nacional.
Estamos padecendo un retroceso en dereitos e liberdades coa escusa dunha crise económica que non provocaron os pobos. Estanse desviando miles de millóns de euros de fondos públicos para encher os petos dos bancos. Cartos que saen dos recortes salariais e do aumento de impostos indirectos, como o IVE e taxas, que repercuten máis nos que menos teñen e benefician aos que xa son ricos. Desde o estado aproveitan esta situación dándolle un pulo ao proceso de centralización, baleirando as xa pequenas competencias das CCAA, poñendo ao descuberto que o modelo autonómico do “café para todos” está esgotado, o modelo do estado español está esgotado, e evidenciando que Galiza e o resto das nacións deben avanzar no proceso de soberanía nacional para resolver os seus problemas.
Andalucía conta hoxe cun 40% da poboación no umbral da pobreza e hai 600.000 andaluces sen ningún tipo de cobertura social. Segundo a Universidade de Cádiz, no seu estudo “Desigualdade e Pobreza”, entre 2006 e 2010 a renda media do 10% dos andaluces máis ricos aumentou un 17%, mentres para o 10% dos máis pobres diminuíu un 40%.
Estes datos serven para facérmonos unha idea da realidade de Andalucía, unha realidade de latifundistas e xornaleiros sen terras, de ocupación de terras para poder traballar, da loita do SAT para superar esta realidade. Un sindicato criminalizado por estar do lado do pobo andaluz mentres a corrupción, a financiación ilegal, as comisións ilegais e o despilfarro de cartos públicos dorme en instrucións xudiciais eternas para non castigar os culpábeis.
Esta situación vai acompañada, como na Galiza e no resto do estado, da implementación dunha política de recortes sociais, educación ou sanidade desde un goberno de coalición PSOE-IU denominado “progresista”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario