6 oct 2014

Roteiro pola protección do Carballal de Coiro

Acto: Roteiro pola protección do Carballal de Coiro
Día: 12 de outubro
Hora: 11h
Saída: Igrexario de Coiro (Cangas)
Organiza: Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
Despois do parón do verán, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo retoma os seus roteiros este outono para dar a coñecer a riqueza natural, paisaxística e patrimonial dos Montes do Morrazo e os espazos da súa contorna, reivindicando así mesmo a súa axeitada protección.
O primeiro destes roteiros terá lugar o vindeiro 12 de outubro, será circular, e servirá para coñecer o Carballal de Coiro, un espazo natural que, xunto co dos Montes do Morrazo e outros ampliábeis, a Plataforma lle reclamou á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a súa inclusión como un novo Lugar de Importancia Comunitaria na ampliación da Rede Natura, por considerarmolo un espazo de alta importancia ambiental e un corredor ecolóxico complementario para os espazos naturais protexidos do litoral.
O roteiro que sairá ás 11h desde o igrexario de Coiro (Cangas) transcorrerá por vias rurais, forestais, camiños de pé, corredoiras e tramos do sendeiro de curto percorrido dos abades, pasando polo núcleo rural do igrexario de Coiro, baixo o viaduto do corredor de alta capacidade do Morrazo, área de ribeira do rego do Bouzós, Esperón, Chans de Ermelo, alto da Paralaia, Monte Xestoso, Fonte das Augas, Pouso das Cruces, Pedra da Pena, Espiñeiro, para pasar outra vez por debaixo do viaduto do corredor de alta capacidade e chegar sobre as 14h ao mesmo punto da saída, o igrexario de Coiro.
Durante o percorrido as e os asistentes poderán gozar de distintos puntos de interese entre os que cabe destacar o núcleo rural de Coiro; carballeiras, ribeira e fervenzas do rego Bouzós, bosque de ribeira e carballeiras en Esperón; miradoiro do Alto da Paralaia (445 m. sobre a ría de Vigo); uceiras de Chans de Ermelo e Monte Xestoso; carballeiras de Fonte das Augas e de Pouso das Cruces; Pedra da Pena (235 m. sobre a ría de Vigo).
O Carballal de Coiro cunhas 365 h. de terreo repartidas polos concellos de Cangas, Moaña e Bueu, representa o mellor expoñente de formación de bosque caducifolio de clima oceánico, con predominio do carballo, da península do Morrazo. É tamén un dos espazos máis importantes das Rías Baixas dentro do hábitat de interese comunitario das carballeiras galaico-portuguesas. Acubilla máis de 150 especies de fauna vertebrada, algunhas delas endemismos ibéricos, vulnerábeis e ameazadas e unha rica flora entre brións, liquens e fungos, polas excepcionais condicións de humidade ambiental.
O Carballal de Coiro está catalogado na actualidade como solo rústico de especial protección de espazos naturais a nivel provincial. Ao noso entender esta protección é insuficiente, xa que, non tendo a categoría de espazo natural protexido e despois de décadas de abandono e agresións, sobre o Carballal cernense novas e distintas ameazas.
Entre as principais ameazas temos o espallamento de especies alóctonas, invasoras e pirófitas -eucaliptos, acacias e pseudoacacias,…- e o monopolio dos monocultivos forestais en beneficio do sector madeireiro, fábricas de pasta de papel e plantas de biomasa, en detrimento da biodiversidade, da autoxestión e da multifuncionalidade; a intensificación nas cortas indiscriminadas e perda progresiva de carballeira e arborado de ribeira como elementos identitarios e principal valor do espazo natural; a forestación e perda dos uceirais en monte aberto como hábitats de interese e recurso natural; o proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo, con máis ocupación, erosión e destrución do solo, capa vexetal, acuíferos e barreira artificial para a fauna e a flora; e a área de desenvolvemento eólica do Morrazo, con tres “aeroxeradores alternativos” e a conseguinte ameaza de alteración da paisaxe, erosión do solo, contaminación acústica e mortandade de aves e morcegos.
Na década pasada tamén estivo ameazado por un proxecto de “investigación mineira” para extraer “granito ornamental” que, como proxecto “supramunicipal”, a plataforma non desbota a súa reaparición no futuro dentro do que se denominan terreos “francos ou rexistrábeis”. Outras ameazas son tamén o incremento na utilización de maquinaria pesada para as cortas, ampliando pistas e estragando camiños, ou a de vehículos motorizados, montando circuítos, erosionando o solo e provocando un grande impacto acústico, mesmo dentro das carballeiras.
Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada EP-1001 que atravesa a parroquia de Coiro, á que se enlaza vindo de Bueu a través da estrada PO-551 en A Magdalena. Desde Cangas cóllese polo cruce dos semáforos da PO-551 polo auditorio ou polo desvío pola EP-1003 fronte ao IES Rodeira. E desde Moaña a través da EP-1104 pola Ameixoada.
O igrexario de Coiro está a uns 100 metros en subida da EP-1101, tralo paso polo cruceiro e o centro cultural parroquial fronte á Taberna Galega Pan de Millo.
Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento no adro do igrexario, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado apropiados para a estación outonal.


No hay comentarios:

Publicar un comentario