15 ene 2015

Presentación "Breve História do reintegracionismo"

Acto: Presentación "Breve história do reintegracionismo"
Día: 23 de xaneiro
Hora: 20:30h
Lugar: Local do Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
O venres 23 de Xaneiro a Asociación Queremos Galego Marín presentará o libro de Tiago Peres Gonçalves “Breve História do reintegracionismo”. O acto será ás 20:30 h. no salón de actos do Ateneo Santa Cecilia de Marín, e contará coa presenza do autor.
Neste libro faise un repaso desde os inicios do Reitegracionismo até os nosos días. Facelo non é unha tarefa doada xa que falamos non só dunha normativa lingüística, senón dun auténtico movemento social. A historia do reintegracionismo é tamén en parte a historia da língua galega xa que vai máis alá dunha normativa e acompaña a historia do galeguismo político e cultural.
O libro divídese en dúas partes, tendo o ano 1936 como punto de inflexión. Comeza coa Ilustración no século XVIII, no que aparecen as primeiras elaboracións teóricas en defensa da lingua galega. Continúa cos inicios da codificación do galego, proceso inserido no movemento provincialista e o rexurdimento. Co nacemento do nacionalismo a reivindicación da unidade lingüística ocupa unha posición central, dándose debates ortográficos nos distintos medios xornalísticos da época como A Nosa Terra ou a Revista Nós.
Despois da Guerra Civil e o paso á clandestinidade do galeguismo os debates ortográficos ficaron relegados a un segundo plano, continuando no exilio. É na década dos setenta do século pasado cando comezan a fixarse os alicerces do reintegracionismo moderno, nacendo formalmente dúas tendencias. Apróbanse as normas ILG-RAG, nace AGAL, e o debate continúa até hoxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario