21 ene. 2015

Roteiro pola protección de Castiñeiras e as sobreiras das Cavadas

Acto: Roteiro pola protección de Castiñeiras e as sobreiras das Cavadas
Día: 1 de febreiro
Hora: 11h
Saída: Aula de natureza da Lagoa de Castiñeiras
Organiza: Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 1 de febreiro de 2015 un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural da senda que vai desde Chan de Castiñeiras até a área natural das sobreiras de As Cavadas, entre os concellos de Marín e Vilaboa, dentro dos espazos naturais de Cotorredondo e dos Montes do Morrazo.
O roteiro, primeiro deste inverno, será circular e sairá as 11 da mañá fronte da aula da natureza do parque da lagoa de Castiñeiras, para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.
O percorrido transcorrerá por pista forestal, camiños de pé, parte do sendeiro de curto percorrido do PR-G 106 do sendeiro de Vilar e viais rurais polos lugares de Chan de Castiñeiras, As Veigas de Abaixo, As Cavadas e A Graña.
Os puntos de maior interese a visitar son o parque botánico, plantacións de frondosas e brañas de Castiñeiras, as mámoas megalíticas de Chan de Castiñeiras, dolmen da mámoa do Rei, área de ribeira do rego da Cova, área de ribeira do rego das Veigas, sobreiras de As Cavadas e núcleo rural de A Graña.
Por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma solicitou á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro e mais outros ampliables.
O parque da natureza que ocupa unhas 80 Has. a uns 400 metros. sobre o nivel do mar, conveniado entre as comunidades de montes das parroquias de San Xulián, Santo Tomé de Piñeiro, Vilaboa e Santa Cristina de Cobres coa Xunta de Galiza, posúe máis de 40 especies distintas de árbores de varios continentes, de ribeira e nos seus límites existen plantacións de bidueiros, escornabois, carballos e castiñeiros, a especie que lle dá nome ao lugar.
As brañas de Castiñeiras que ocupan 1,26 Has. xunto coa lagoa de 0,47 Has., e que conforman a cabeceira do nacemento do rego do mesmo nome, están integradas dentro do inventario de zonas húmidas de Galiza, constituíndo as brañas un hábitat natural prioritario a nivel europeo de turbeiras altas.
En Chan de Castiñeiras existen seis mámoas funerarias da era megalítica (arredor de 5000 anos), unha delas –mámoa do Rei- catalogada Ben de Interese Cultural (BIC) por conter gravados rupestres nalgún dos ortostatos do seu dólmen de cámara poligonal e corredor, e outra, máis pequena e achanzada, contén un dolmen cunha singular tipoloxía de cista trapezoidal, vestixio dun enterramento individual. A maioría destas mámoas foron espoliadas no pasado na procura de tesouros e a mámoa do Rei é na actualidade a mellor conservada grazas a unhas obras de recuperación arqueolóxica de principios da década pasada.
Na contorna da lagoa existe outra mámoa, a de Pedralonga, catalogada tamén BIC por posuír tamén gravados rupestres no seu interior mais o dolmen foi destrozado pola construción dun vial asfaltado nas súas inmediacións. Forman parte do proxecto de posta en valor ambiental e cultural da rota das mámoas do Morrrazo, que coa colaboración de varias comunidades de montes do Morrazo, a Fundación Comarcal, as Consellerías de Medio ambiente, Medio rural e Cultura e financiación con fondos PRODER de Europa, leva paralizado dende o ano 2008.
O rego da Cova e o rego das Veigas, cos seus bosques aluviais e carballeiras que visitaremos preto dos seus nacementos, son afluentes do Trasmil, que a súa vez desemboca no lugar das Saíñas de Ulló dentro da Zona de Especial Conservación do espazo natural protexido do LIC da Enseada de San Simón.
As sobreiras de As Cavadas, entre os lugares de A Graña e Postemirón, representan unha das mellores agrupacións arbóreas da especie no Morrazo, exemplo da influencia de clima mediterráneo na península e nas Rías Baixas, onde a sobreira, de folla perenne e esclerófila, cortiza grosa e landra de froito, xunto con outras especies de plantas do ámbito, mestúrase coa carballeira termófila e caducifolia en zonas que, como esta, lle son máis propicias e dá como resultado a denominación Rusco aculeati-Quercetum roboris subasociación Quercetosum suberis que a nivel fitosociolóxico forma parte ao mesmo tempo do hábitat de interese comunitario das carballeiras galaico-portuguesas.
O núcleo rural de A Graña, a uns 350 metros sobre o nivel do mar, é un dos ubicados a maior altura e mellor conservados da península do Morrazo, cun importante valor civil, etnográfico e agropecuario.
As principais ameazas son a falta de actividades e mantemento do parque da natureza e da posta en valor das mámoas, os monocultivos forestais, a eucaliptización, as cortas de arborado autóctono, a área de desenvolvemento eólica do Morrazo e a falta dunha figura de protección ambiental que vaia máis alá da simple protección rústica e o inventariado existente na actualidade.
Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada PO-313 Marín Moaña até a altura do seu kilómetro 8 no lugar do alto da Cruz da Maceira, onde hai que coller o desvío da estrada EP-0106 que vai até a lagoa de Castiñeiras.
Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado apropiados para a estación invernal e a máxima puntualidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario