20 feb 2015

Roteiro pola protección do Monte das Barreiras e A Pereiriña

Acto: Roteiro pola protección do Monte das Barreiras e A Pereiriña
Día: 1 de marzo
Hora: 11h
Saída: Aula forestal de Chan de Armada
Organiza: Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 1 de marzo un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural da senda que vai desde Chan de Armada até a área natural das sobreiras do Monte das Barreiras e A Pereiriña, entre os concellos de Marín e Vilaboa, dentro dos espazos naturais de Cotorredondo e dos Montes do Morrazo.
O roteiro, segundo e último deste inverno, será circular e sairá as 11 da mañá fronte á área forestal de Chan de Armada, para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.
O percorrido transcorrerá por corredoiras, pista forestal, vial rural e o GR-59 do sendeiro ecolóxico de longo percorrido do Morrazo, polos lugares de Chan de Armada, Outeiro de Ombra, Monte das Barreiras, A Pereiriña, área de ribeira do nacemento do rego do Portiño e o núcleo rural de Sobreira.
Os puntos de maior interese a visitar son as mámoas megalíticas e dolmen de Chan de Armada, mámoas de Outeiro de Ombra, plantacións de frondosas de monte comunal das parroquias de Santo Tomé de Piñeiro e de Santa Cristina de Cobres, vistas panorámicas sobre a enseada de San Simón, sobreiras do Monte das Barreiras e A Pereiriña, carballeira da área de ribeira do nacemento do rego do Portiño, núcleo rural de Sobreira.
En Chan de Armada existen dúas mámoas. Unha delas, co dolmen de cámara poligonal e corredor, foi escavada en 2008 e conserva varios dos esteos en pé, presentando a singularidade de ser a pedra utilizada de xisto – o tipo de pedra utilizado maioritariamente para a construción de mámoas no Morrazo foi o granito- e isto é debido a que o xisto é a predominante no lugar e arredores. Tamén destaca porque, entre o seu enxoval funerario, foi atopada unha lámina grande cortante elaborada en sílex, rocha sedimentaria de orixe mariña practicamente inexistente no morrazo e moi escasa en Galiza. A outra mámoa atópase moi deteriorada xa que, como a maioría das mámoas, foi espoliada no pasado en busca de tesouros.
Preto, no lugar de Outeiro de Ombra, existen os restos doutros cinco túmulos funerarios, coa singularidade de estar situados nunha pequena elevación sobre o terreo.
As mámoas de Chan de Armada e de Outeiro de Ombra forman parte do proxecto de posta en valor ambiental e cultural da rota das mámoas do Morrrazo que, coa colaboración de varias comunidades de montes do Morrazo, a Fundación Comarcal, as Consellerías de Medio ambiente, Medio rural e Cultura e financiación con fondos PRODER de Europa, e cun percorrido de 7,5 kilómetros e unha actuación de posta en valor na contorna de 20 mámoas, dende as de Chan de Castiñeiras até a de Chan de Arquiña, leva paralizado dende o ano 2008.
As plantacións de frondosas de monte comunal que parten da parroquia de Santo Tomé de Piñeiro (Marín) e se estenden até a de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), son de carballos, castiñeiros, cerdeiras e freixos, formando corredor verde da área patrimonial e arqueolóxica.
Baixando do Monte das Barreiras até A Pereiriña, na citada parroquia vilaboense, existen varias zonas que funcionan de atalaia con amplas vistas panorámicas da enseada de San Simón, coa illa no centro, no fondo da ría de Vigo.
As sobreiras existentes entre os dous montes, forman a agrupación arbórea ao natural da especie máis extensa da península do Morrazo, que dentro da denominación fitosociolóxica de Rusco aculeati-Quercetum roboris subasociación Quercetosum suberis predomina como influencia mediterránea en zonas solleiras como esta, mesturándose coa carballeira termófila e caducifolia, dentro do hábitat de interese comunitario das carballeiras galaico-portuguesas.
O rego do Portiño é afluente do Río Maior que ao mesmo tempo desemboca dentro da Zona de Especial Conservación do espazo natural protexido pola Rede Natura da Enseada de San Simón.
A zona, que visitaremos preto do seu nacemento, ademais de bosque aluvial posúe unha incipiente carballeira e un excepcional sotobosque onde sobresae a presenza, e con exemplares de bo porte, da pereira brava, especie que forma parte do topónimo dun dos montes.
Sobreira, que fai referencia toponímica á importancia da presenza da sobreira na zona, é un dos núcleos rurais e agropecuario mellor conservados da península morracense, dentro dunha situación xeográfica moi peculiar nun enclave profundamente encaixonado polo paso do rego do Portiño entre a Serra Domego -co alto de Coto do Home como referencia- e Cotorredondo, e que a 300 metros de altitude sobre o nivel do mar e dende a súa zona máis alta, fará de derradeiro miradoiro sobre a enseada.
As principais ameazas son a falta de posta en valor das mámoas, os monocultivos forestais, a eucaliptización, a introdución da acacia, as cortas de arborado autóctono, vertedeiros incontrolados de lixo, o parque eólico de Pedras Negras, a área de desenvolvemento eólica do Morrazo, área de ordenación mineira, e a falta dunha figura de protección ambiental que vaia máis alá da simple protección rústica existente na actualidade.
Por considerarmolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma solicitou á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro máis outros ampliables.
Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada PO-313 Marín Moaña até a altura do seu kilómetro 8 no lugar do alto da Cruz da Maceira, onde hai que coller o desvío da estrada EP-0106 en dirección á lagoa de Castiñeiras, onde tras pasar o cruce que colle para Chan de Arquiña hai que seguir até o seguinte cruce aparcando á beira da estrada, onde está sinalizado Sobreira-San Adrián en fronte de Pereiro.
Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento , as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado apropiados para a estación invernal e a máxima puntualidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario