12 mar 2015

Mesa redonda "Literatura de terror e de ciencia ficción"

Acto: Mesa redonda "Literatura de terror e de ciencia ficción"
Día:  19 de marzo
Hora: 19:30horas
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín organiza o próximo 19 de marzo unha mesa redonda sobre o mundo literario da Ciencia Ficción e o Terror. Un “xénero” que conta con propostas editoriais, escritores e escritoras propias no noso idioma e cun importante número de traducións de clásicos e escritoras contemporáneas.
Temos que destacar dous proxectos galegos, Contos Estraños e Urco Editora que, combinados ou por separado, son as principais editoriais de fantasía, ciencia ficción e terror nas súas diversas modalidades. Proxectos onde persoas editoras e escritoras se confunden
O acto terá lugar na biblioteca de Marín a partir das 19:30h e para nos falar deste tipo de literatura, da complexidade de editar e escribir libros na nosa lingua, da acollida que ten este xénero entre o público galego, contaremos coa presenza de:
Fernando M. Cimadevila é escritor, editor e músico. En novembro de 2011 uniuse a Tomás González Ahola, editor de Urco editora, para crear Contos Estraños, a primeira editora galega especializada en Fantasía, Terror e Ciencia-Ficción de autores e autoras galegas.
Tomás González Ahola estudou filoloxía clásica na USC. É tradutor de linguas inglesa e finesa á galega. Traduciu títulos para Rinoceronte editora e sobre todo para Urco, editorial da que foi cofundador en 2007. No ano 2011 foi tamén un dos fundadores da editora Contos Estraños.
David Cortizo. Editor de Urco, é actualmente o encargado de todas as publicacións que realiza Urco. Realiza labores de selección, tradución e corrección de textos, tanto para Urco como para Contos Estraños.
Susana Ons. Ademais de escritora de relatos de fantasía é actriz e directora de escena en teatro.
David Botana. É un escritor de relatos de terror asiduo ás antoloxías periódicas de Contos Estraños. É un dos maiores expoñentes dunha nova corrente denominada Agroterror, que inclúe elementos de terror gore e psicolóxico nun ambiente rural.
Contos Estraños é unha editorial galega con sede en Compostela. Creada no ano 2011 coa intención de promover a literatura de fantasía, terror e ciencia ficción en galego. Os seus fundadores foron Fernando M. Cimadevila e Tomás González Ahola e o proxecto púxose en marcha cunha chamada en Internet á que acudiron diversos autores.
O proxecto editorial foi enfocado en tres liñas diferenciadas. Unha revista periódica onde se reunirían en volumes colectivos as creacións dos numerosos escritores e ilustradores, a publicación de novelas individuais e unha liña infantil que, segundo as palabras dos seus propios creadores, "servise para ir frikizando as xeracións máis novas".
Urco editora é unha editorial nada en 2007 que veu encher un oco histórico no sistema literario galego: a publicación sistemática e especializada de literatura de fantasía, ciencia ficción e terror. Até agora a escasa presenza destes xéneros na literatura traducida estaba fragmentada en distintas editoriais e coleccións, catalogada especialmente baixo os criterios de «clásicos» ou de «literatura xuvenil». Por isto URCO foi pioneira na achega sistemática destes tres xéneros ao público galego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario