30 mar 2015

Roteiro pola protección do Monte Pornedo

Acto: Roteiro pola protección do Monte Pornedo
Día: 12 de abril
Hora: 11h
Saída: Área recreativa do Pornedo
Organiza: Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 12 de abril un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural do monte Pornedo (coñecido tamén como monte Pituco), sito na parroquia de San Xulián, concello de Marín, e integrado dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo.
O roteiro, primeiro desta primavera, será circular e sairá as 11 da mañá da área recreativa do Pornedo, para chegar ás 14 h., ao mesmo lugar.
O percorrido transcorrerá por camiños, corredoiras e pista forestal pola ribeira do nacemento do regos de Pornedo, Outeiro da Barcia, ribeira de nacemento do rego da Agrela, Chan da Lagoa, Sete Camiños e Coto de Pornedo.
Os puntos de maior interese a visitar son as plantacións forestais e monte baixo da ribeira do nacemento dos regos de Pornedo e Agrela e Outeiro da Barcia, as mámoas neolíticas de Chan da Lagoa e Sete Camiños, os petróglifos da Idade do Bronce de Sete Camiños e complexo rupestre de Pornedo, petróglifos modernos de José Meijón e penedías e miradoiro do alto de Pornedo.
Os regos de Pornedo e Agrela forman parte da conca do rego Lameira, atravesan a parroquia e surten de auga ás explotacións agrarias do seu rural camiño da súa embocadura no centro da vila. Preto dos seus nacementos existen varios mananciais de traída de auga potable veciñal. As áreas hidromorfas e pequenas brañas ao seu carón conteñen unha interesante fauna e flora asociada ao medio, en especial a pteridófita e anfibia, con especies endémicas e vulnerables presentes no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
As plantacións con frondosas autóctonas e piñeiros complementadas con espazos de monte baixo e matogueira teñen un grande valor paisaxístico e natural, mais tamén unha grande importancia a nivel social e económico polos seus aproveitamentos agroforestais e gandeiros.
As mámoas de Chan de Lagoa e Sete Camiños e petróglifos de Sete camiños e complexo rupestre de Pornedo, estes últimos catalogados Ben de Interese Cultural de Galiza (BIC), forman parte da proposta de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños nos montes das parroquias de Salcedo, Lourizán e San Xulián para a posta en valor dos seus recursos patrimoniais, naturais e paisaxísticos.
Os petróglifos modernos de José Meijón levan a particular arte do gravado na pedra que exerceu este persoeiro marinense ao longo do século pasado.
As penedías do Pornedo ademais de teren unha grande importancia paisaxística, son importantes tamén a nivel xeolóxico pois son rochas foliadas de formación metamórfica e a nivel cultural pois moitas son restos de antigas canteiras locais. Os espazos abertos ao seu abeiro son dunha grande importancia florística e faunística vertebrada e invertebrada, tanto diurna como nocturna, en especial a herpetolóxica e ornitolóxica, mesmo con especies protexidas a nivel europeo dentro dos hábitats de interese comunitario de breixeiras secas europeas e vexetación pioneira en rochas silíceas.
O miradoiro no alto do Coto de Pornedo, a uns 245 metros sobre o nivel do mar, pasa por ser o balcón do centro da vila, cunhas extraordinarias panorámicas da ría de Pontevedra até cabo Udra, O Salnés e as Illas Ons ao fondo. E tamén do espazo natural dos Montes do Morrazo cos altos da Encavada, Picouto da Graña, Cotorredondo e Castiñeiras, máis do monte Penizas e Outeiro de Campolongo ao fondo dos vales que conforman os regos Lameira e Loira.
As principais afeccións que ameazan este espazo son os monocultivos forestais, a eucaliptización, introdución da acacia, a apertura de pistas, tendidos aéreos de alta tensión e verteduras incontroladas de lixo.
Mais a principal ameaza é un polígono industrial que cunha superficie de 331.999 m2, proxectou o Concello de Marín no seu PXOM e incluíu posteriormente a Xunta de Galiza no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais da Comunidade Autónoma Galega, cun grande e irreversible impacto en terreos que chegan até o 45% de desnivel, incumprindo moi por enriba o umbral do 15% recomendado polo Instituto da Vivenda e Solo, e recualificando solo rústico de especial protección de espazos naturais, afectando directa e indirectamente a paisaxe, xeoloxía, xacementos arqueolóxicos, arborado, fauna e flora, máis os usos tradicionais derivados dos recursos naturais a nivel forestal, acuífero, social, cultural e recreativo.
En marzo de 2012 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo diante da información pública do citado plan sectorial solicitou á Xunta de Galiza que fronte ao criterio do 30% da demanda mínima para desenvolver un polígono se tivese en consideración o deber de encher os polígonos existentes, xa que aínda non teñen todo o seu espazo ocupado, e que o resto da oferta de solo empresarial e industrial, no caso de ser necesaria, se adaptase á demanda real apostando por áreas municipais máis pequenas, cunha ocupación total de parcelas, fóra de espazos naturais e protexidos e cun menor impacto no medio.
Por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma solicitou tamén á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro máis outros ampliables.
Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada EP-0019 Marín-Figueirido até chegar ao nudo da variante de Marín VG-4.4 preto de Pena e Caeiro onde seguindo, a uns 50 metros, o atoparemos á beira da estrada.
Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento , as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa lixeira e calzado de trote e chuvasqueiro se o día está anubrado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario