15 abr 2015

Presentación "Transfusión oceánica"

Acto: Presentación "Transfusión oceánica"
Día:  25 de abril
Hora: 19:30horas
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín organiza para o sábado 25 de abril, dentro da súa particular sección literaria, O Tiraverbas, a presentación do poemario “Transfusión Oceánica” do ceense Xosé Iglesias.
Xosé Iglesias é un patrón de baixura que no ano 2011 se fixo celebre cun video no youtube protestando contra as cotas pesqueiras que estabelece a Unión Europea e que están a acabar cun dos piares da nosa economía. Este video fixo que millares de internautas coñecesen os múltiples poemas que este ceense tiña gravado a bordo do seu barco.
Foi Xurxo Souto quen, despois de coñecer a Xosé Iglesias nun taller literario, animou a este curioso lobo de mar a escribir e publicar os seus poemas, ata que o tamén poeta Paco Souto impulsou a edición de “Transfusión oceánica”.
Transfusión oceánica, publicado pola editorial de Malpica “Caldeirón”, conta con 36 poemas nos que Xosé Iglesias transmite os seus sentimentos no mar e a súa preocupación pola perda dunha parte importante da nosa cultura, a mariñeira, que nos ensina a nos relacionar co medio. Un poemario cheo de loita que conta cun limiar de Xurxo Souto e ilustracións de Roberto Castro.
O acto que terá lugar a partir das 19:30h no salón da biblioteca de Marín será presentado polo buenense Fernando Mirando e participará o propio autor, Xosé Iglesias, quen, alén de nos falar da súa inspiración tamén recitará algún dos seus poemas. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario