16 dic 2015

Cantos de reis e cantos de nadal

Acto: Cantos de reis e cantos de nadal
Día: 22 de decembro
Hora: 20h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín organizará o vindeiro martes, 22 de decembro, na biblioteca de Marín a partir das 20h unha nova actividade relacionada coa recuperación das nosas tradicións culturais.
Antigamente, estaba moi estendida entre as galegas e galegos, a tradición de ir casa por casa cantar os reis e os cantos de nadal pedindo o aguinaldo. Na actualidade múltiples asociacións culturais tentan recuperar esta forma tradicional galega de festexar o nadal da que o Morrazo e as súas vilas e parroquias, desde Ardán, Cela ou o Hio, foron testemuñas nas noites de nadal e reis.
Hai constancia desta celebración na parroquia de Ardán dende hai máis de cento cincuenta anos, cando por parellas e durante toda a noite coa compaña dun gaiteiro iase casa por casa cantando os Reis.
O acto que pretendemos sexa ameno e moi didáctico comezará ás 20h coa actuación dun grupo de rapazas e rapaces do CEIP O Sequelo quen nos cantarán unhas panxoliñas. A seguir, para nos explicar o que son os cantos de reis, a súa historia e como se está a recuperar contaremos coa presenza de Guillerme Ignacio Costa e Queta Molas.
Guillerme Ignacio Costa é profesor, músico (membro do grupo Quempallou) e investigador da nosa tradición musical. Durante a súa intervención falaranos da tradición dos cantos de reis na Galiza, poñendo especial atención aos cantos no Morrazo, dos que é un gran coñecedor.
Enriqueta Molas, gran coñecedora das tradicións marinenses e presidenta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, lembraranos como se cantaba no nadal na vila de Marín.
Para fechar o acto contaremos coa presenza do Orfeón de Ardán que interpretará varias pezas tradicionais e o “Canto de Reis”. Esta agrupación recuperou unha tradición que ten máis de 150 anos nesta parroquia, sendo inicialmente unha interpretación a dúo denominada “pernada” acompañada coa gaita.

No hay comentarios:

Publicar un comentario