17 ene 2016

Conferencia “Das Irmandades da Fala a Nós”

Acto: Conferencia “Das Irmandades da Fala a Nós”
Día:  22 de xaneiro
Hora: 20h
Lugar: Local do Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez, impartirá unha conferencia este venres día 22 ás 20:00 horas no Ateneo Santa Cecilia de Marín, co lema “Das Irmandades da Fala a Nós”. A charla, con entrada libre e presentada pola escritora Elena Gallego, tratará sobre o centenario desta organización impulsada en 1916 por Vicente Risco, Arturo Noguerol e Manuel Peña Rey, entre outros destacados galeguistas.
Funcionario do concello de Redondela, Xosé González Martínez participa noutras plataformas culturais integradas no colectivo Galeguizar Galiza: Irmandade Xurídica Galega, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros, Irmandade da Sanidade Galega, Asociación de Amigos do Couto Mixto, Asociación Álvaro das Casas e Fundación Lois Peña Novo. O obxectivo destas entidades é fomentar a cultura e a lingua galega.
Xosé González Martínez tamén foi o coordinador do libro “En galego, agora e sempre”, editado en 2002 pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística. Esta publicación contén as mandas testamentarias de 240 representantes e profesionais do ámbito social, cultural e político. Os asinantes das mandas dispoñen que, ao remate da súa vida, tanto nos actos fúnebres que se realicen como nos textos susceptibles de redactarse -liturxia, necrolóxicas, lápidas funerarias- se empregue o galego.
O ponente tamén falará desta iniciativa, achegando datos como que só unha de cada mil lápidas está escrita na nosa lingua, unha cifra que no caso das esquelas publicadas nos xornais chega ao 3%. Apelando á “responsabilidade das familias” para ser “coherentes”, Xosé González Martínez vén apostando por “restituír a memoria lingüística dos nosos devanceiros” fronte ás inercias culturais que priman o castelán por diante do galego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario