19 ene 2016

Roteiro pola protección de Outeiro de Campolongo e Monte Cernello

Acto: Roteiro pola protección de Outeiro de Campolongo e Monte Cernello
Día: 24 de decembro
Hora: 11h
Saída: Igrexa Santo Tomé
Organiza: Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 24 de xaneiro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural do espazo natural de Outeiro de Campolongo e Monte Cernello, entre as parroquias de Piñeiro e Ardán, no Concello de Marín.
O roteiro, primeiro deste inverno, será circular e sairá ás 11 h. do Igrexario de Santo Tomé de Piñeiro, para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.
O percorrido transcorrerá por viais rurais, pista forestal, corredoiras e camiños de pé, polos lugares de Monte Cernello, Outeiro de Campolongo e Montes de Allariz bordeando as concas de nacemento do rego das Gorgadas e do rego de Maceiras, afluentes do rego Loira.
Os puntos de maior interese son as carballeiras galaico portuguesas de Monte Cernello, a área de monte aberto e amplas panorámicas de Outeiro de Campolongo (418 m.) sobre a ría de Pontevedra e as carballeiras e acevedo dos montes de Allariz.
Por considerármolo un espazo natural de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma solicitoulle á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a inclusión do espazo natural de Outeiro de Campolongo-Monte Cernello, como proposta de ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro.
Baseabamos esta petición na importancia das 83 has. deste espazo natural, integrado nun inventario de hábitat de comunidades vexetais do Ministerio de Medio Ambiente, con varios hábitats de interese comunitario de breixeira oromediterránea, breixeiras secas europeas e rochedais silíceos con vexetación pioneira, e na existencia de matogueira higrófiloturbosa con hábitat natural prioritario de breixeiras húmidas atlánticas, de grande importancia botánica mais tamén entomolóxica, ornitolóxica e herpetolóxica a través da fauna asociada, con varias especies ameazadas, vulnerábeis e mesmo escasas no Morrazo e en Galiza. Tamén é de salientar a súa importancia cultural pola existencia de varios xacementos do neolítico.
Os terreos deste espazo natural están catalogados na actualidade como sólo rústico de especial protección forestal, agrícola e patrimonial e, ao noso entender, non se corresponde cunha protección adecuada para o seu auténtico valor ambiental que debe ir máis alá dun simple inventario.
As principais afeccións que desde hai anos se están a producir sobre este espazo natural, son a masificación de infraestruturas eléctricas e de telecomunicacións, monocultivos forestais, eucaliptización, apertura de pistas forestais, verteduras de lixo, terras e entullos, vehículos motorizados…
Pola contra, destaca pola subsistencia dos labores tradicionais da roza da matogueira, a existencia de gandeiría cabalar extensiva, actividades socioeconomicas de grande importancia ecolóxica para o medio, como control da matogueira alta e de prevención e mitigación de incendios forestais.
Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada EP-1202.
Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado apropiados para a estación invernal.


No hay comentarios:

Publicar un comentario