10 feb 2016

Charla "Palestina. Unha ollada ao conflito"

Acto: Charla "Palestina. Unha ollada ao conflito"
Día: 24 de febreiro
Hora: 20h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Mar de Lumes
O Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes do Morrazo organiza unha palestra sobre a situación de Palestina e oriente medio. Contaremos coa presenza do representante da esquerda palestina Faiez Badawi, gran coñecedor da realidade palestina, siria e libanesa. A nosa intención é facer unha análise desde o punto de vista dun protagonista, un palestino, para comprender mellor o que acontece en Palestina e Oriente Medio.
En 1947, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas propuxo a partición do Mandato Británico da Palestina en dous Estados separados, un xudeu e outro árabe. A idea, porén, non era en absoluto arbitraria. Significaba crear, a partir da nada, un Estado xudeu e, consecuentemente, a obriga de lle facer un sitio xeográfica e politicamente a unha poboación estraña, sen calquera relación con aquel territorio, o que implicaba a expulsión de amplos continxentes de palestinas e palestinos.
O pobo palestino leva dende aquela padecendo a ocupación do seu país e o exilio de varios millóns de persoas, que sobreviven en campos de refuxiados do Líbano ou Siria. O estado de Israel coa complicidade dos “gobernos occidentais” ocupa ilegalmente palestina e reprime a súa poboación. Constantemente temos noticias de palestinos mortos, palestinos detidos ou palestinos expulsados das súas casas, e ante isto só temos a pasividade dos gobernos e dos organismos internacionais.
Non podemos falar do conflito que está sofrendo o pobo sirio sen ter en conta a ocupación de Palestina, a invasión de Iraq, a represión do pobo Kurdo por parte de Turquía ou os bombardeos de Iemen por parte de Arabia Saudita. Nos medios de comunicación só nos falan do que está pasando en Siria, do terrorismo do Isis, desde un punto de vista parcial en función dos intereses das potencias que están promovendo a intervención militar.
Desde Mar de Lumes tomamos posición e non somos neutrais, nós estamos co pobo palestino e demandamos o fin da ocupación e da colonización e o desemantelamento do Muro que divide a Palestina, cuxa construción foi declarada ilegal pola ONU, mais que Israel continúa a reforzar. Queremos o recoñecemento dos dereitos fundamentais do pobo palestino que reside dentro do territorio do Estado de Israel, así como o dereito ao retorno das persoas que foron expulsadas de Palestina, e dos seus descendentes, para que poidan volver ocupar as súas moradas, en liña coa resolución 194 das Nacións Unidas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario