9 feb 2016

Roteiro pola protección de Outeiro de Teixugueira

Acto: Roteiro pola protección de Outeiro de Teixugueira
Día: 21 de febreiro
Hora: 10h
Saída: Igrexa de Ardán
Organiza: Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 28 de febreiro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural de Outeiro da Teixugueira, na parroquia de Ardán, concello de Marín.
O roteiro, segundo deste inverno, será circular e sairá ás 10 da mañá do Igrexario de Santa María de Ardán, para chegar ás 13 h. ao mesmo lugar.
O percorrido transcorrerá por vial rural, pistas forestais, corredoiras e camiños polos Picotes, Esperosa, Outeiro da Teixugueira, Cabo de Vila, O Pazo e Igrexario de Ardán.
Para se achegar ao lugar de saída, hai que acceder polo cruce da Teoira na estrada PO-551, unha vez pasado Seixo e o cruzamento de Loira, se se vén dende Marín, ou unha vez pasada a redonda de Ardán se se vén dende Bueu. Unha vez collido o cruce, hai que andar ao redor dun kilómetro e coller a estrada á esquerda por un vial estreito sinalizado ao pé da estrada.
Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado apropiados para a estación invernal.
O Outeiro da Teixugueira é un dos mellores expoñentes da conxunción dos valores paisaxísticos e naturais cos patromoniais e culturais da península do Morrazo. Situado entre as concas de nacemento do rego das Gorgadas e do rego Amieiro, cunha altitude máxima de 348 metros sobre o nivel do mar e na penedía, posúe, a vista de paxaro, unhas panorámicas moi espectaculares sobre a ría de Pontevedra coa Illa do Santo en fronte, Tambo a un lado e as Illas Ons ao fondo, e con Cabo Udra e Cabicastro nos extremos, entre O Morrazo e O Salnés, respectivamente.
Ao redor del crece unha tupida carballeira que, desde a súa cima, baixa con amplitude pola pendente rochosa, de tal maneira que é perfectamente perceptible desde a ría, representando un dos rodais mellor conservados da comarca.
O Outeiro da Teixugueira, hábitat de interese comunitario a nivel europeo ao formar parte das carballeiras galaico portuguesas, nesta época do ano ten o atractivo especial de observar a formación natural da densa e anárquica ramaxe dos carballos sen apenas folla e chea de liques e brións abríndose paso entre a paisaxe e a panorámica.
Por outra banda, atesoura no seu seo os vestixios arqueolóxicos dun antigo castro prehistórico da Idade de Ferro, complementados cos restos dunha reocupación posterior, pertencente ao periodo histórico altomedieval. De feito o lugar é coñecido máis ben polo nome do Monte Castelo ou “Castelo de Ardán”.
Ao redor deste antigo asentamento, e atravesando a abrupta orografía da paraxe natural na que está asentado, baixa un longo camiño empedrado, principal vía de acceso ao lugar no pasado, de grande importancia etnográfica e cultural na actualidade, tanto a nivel municipal como comarcal pola súa calidade e extensión.
As principais afeccións son a eucaliptización da contorna natural, a falta de silvicultura e a degradación, por falta de posta en valor, do patrimonio cultural.
Agás pola existencia dun sendeiro que se achega desde a zona de Chans, na lindeira parroquia buenense de Cela, o concello marinense ten practicamente abandonado este enclave natural malia estar plenamente dentro do seu territorio, carecendo dun acceso sinalizado e sen planes de futuro para a súa mellora ambiental e recuperación cultural e etnográfica.
A catalogación na actualidade dos terreos como solo rústico de especial protección forestal e patrimonial a nivel municipal é insuficiente e debería de posuír unha figura de protección ambiental adaptada á súa importancia real.
En marzo do 2012 a Plataforma solicitoulle á Xunta de Galiza a inclusión dos montes de Ardán, incluído o Outeiro da Teixugueira, como ampliable á proposta de ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro, por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario