5 mar 2016

Charla coloquio "Lagoa de Castiñeiras: riqueza natural e cultural"

Acto: Charla coloquio "Lagoa de Castiñeiras: riqueza natural e cultural"
Día: 10 de marzo
Hora: 20:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Almuinha
Nos últimos meses estase a producir un importante debate na sociedade marinense en relación coa situación de abandono do entorno do Lago de Castiñeiras.
O Lago de Castiñeiras, situado a uns 400 metros sobre o nivel do mar, atópase situado dentro do Parque da Natureza de Cotorredondo. O Parque da Natureza de Cotorredondo, entre os Concellos de Marín e Vilaboa, é un dos parques forestais máis antigos de Galiza, e ocupa unha superficie dunhas 70 Ha.
A área recreativa do Lago de Castiñeiras foi durante décadas un privilexiado espazo de lecer para todas aquelas persoas que procuraban algo de tranquilidade en contacto coa natureza, onde familias enteiras pasaban o día nos meses de primavera o verán.
No entorno do Lago atópase o Mirador de Cotorredondo, desde onde podemos gozar dunhas espectaculares vistas das rías de Vigo e de Pontevedra, podendo divisar tamén a ría de Arousa en días claros.
É un lugar perfecto para a práctica de diferentes deportes e para a realización de paseos en bicicleta, a cabalo ou a pé.
No Parque da Natureza de Cotorredondo atópanse tamén importantes xacementos arqueolóxicos do período Megalítico e da Idade de Bronce, como mámoas e petroglifos, destacando entre as mámoas a Mámoa do Rei (Vilaboa), a Mámoa de Chan de Armada (Marín) e a Mámoa de Chan de Arquiña, xa en Domaio no Concello de Moaña.
Na actualidade continúa sendo un fermoso lugar para escapar do asfalto e do cemento das vilas e cidades, mais o deterioro do entorno da Lagoa como consecuencia do seu abandono fan que vexa reducido de xeito notábel o seu atractivo.
Estamos a falar, pois, dun espazo cun atractivo turístico de primeiro nivel, cunha potencialidade inmensa, mais este privilexiado lugar está a sufrir un importante deterioro que limita e impide un maior aproveitamento dos recursos que nos ofrece.
Desde a A.C. Almuinha non ficamos alleos a este interesante debate e queremos aportar o noso graniño de area e contribuir deste xeito a abordar un asunto de tanta actualidade na nosa vila, de cara a tentar acadar que o Parque da Natureza de Cotorredondo sexa tomado en serio e se inicie un proceso de recuperación deste privilexiado lugar.
Por todo isto, nos vindeiros días organizaremos dúas actividades:
O vindeiro xoves 10 de marzo organizamos unha Charla-Coloquio "Lago de Castiñeiras, Riqueza Natural e Cultural". Nela contaremos coa participación de Daniel Rosales (Presidente da Comunidade de Montes de Santo Tomé de Piñeiro) e Juan Carlos Castro Carrera (Arqueólogo que participou na excavación das mámoas do entorno do Lago de Castiñeiras). Será a partir das 20:30h. no Museo Manuel Torres de Marín.
E o domingo 13 de marzo organizamos a terceira andaina no marco do programa "Coñecendo o noso entorno". Será o Roteiro das Mámoas, e con ela queremos aproveitar para poñer en valor a riqueza natural e arqueolóxica do Parque da Natureza de Cotorredondo. A saída será ás 10:30h. da Lagoa de Castiñeiras, e contaremos, doutra volta, coa presenza de Daniel Rosales e Juan Carlos Castro. A duración estimada é de 3 horas, e pasaremos polas principias mámoas da zona como son a Mámoa do Rei (Vilaboa), a Mámoa de Chan de Armada (Marín) e a Mámoa de Chan de Arquiña, xa en Domaio no Concello de Moaña. O roteiro non é circular polo que agradeceríamos que aquelas persoas que teñan posibilidade deixen un coche no final da andaina, na Mámoa de Chan de Arquiña, para facilitar a volta ao punto de partida.
Xa por último, queremos aproveitar para convidar a todas as persoas interesadas na protección e promoción da riqueza natural e cultural existente no noso concello a que se acheguen a estas actividades.



No hay comentarios:

Publicar un comentario