6 mar 2016

Homenaxe a Eduardo Victor Castro López

Acto: Homenaxe a Eduardo Victor Castro López
Día: 11 de marzo
Hora: 19h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Ateneo Santa Cecilia e Club de Opinión Portocelo
O profesor e escritor Eduardo Víctor Castro López será o protagonista dunha homenaxe cidadá o vindeiro 11 de marzo, organizada polo Ateneo Santa Cecilia e o Club de Opinión Portocelo, coa colaboración do Concello de Marín e de varias entidades sociais e educativas. Os actos comezarán ás 19:00 horas no Museo Manuel Torres, onde se vai inaugurar unha exposición fotográfica con imaxes da traxectoria persoal e profesional do homenaxeado. Ás 20:00 horas, na Biblioteca Pública Municipal, terá lugar unha velada poética aberta ao público, que rematará cun recital do Coro de Cámara Thalassa.
Vilagarcián de nacemento e afincado en Marín dende hai máis de 40 anos, Eduardo Víctor Castro é -aos seus 76 anos- unha figura destacada no panorama local marinense: foi profesor do CEP Sequelo e do IES Illa de Tambo; autor dunha ampla obra poética reunida en varias publicacións, entre as que destaca “Retellando” (2013); promotor cultural e membro de destacados colectivos como o Ateneo Santa Cecilia, o Coro Lembranzas, a Asociación Érguete ou o Liceo Casino; afeccionado á música, ao deporte, á micoloxía ou á pesca; ademais de formar parte do xurado de varios certames literarios, como o Premio Manuel María. Un percorrido vital que xustifica a celebración deste acto de recoñecemento e agradecemento ao seu compromiso coa vila e ao seu legado creativo.
A velada poética que se celebrará na Biblioteca Pública comezará coa lectura dunha semblanza persoal de Castro López, a cargo do profesor Julio Santos Pena. No recital participarán Tesi Landín, da Asociación de Mulleres O Abeiro; Ángel García Carragal, do Club de Opinión Portocelo; Enriqueta Otero, da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín; e Lois González Dopazo, presidente do Ateneo Santa Cecilia. Tamén se sumará a escritora e académica da Real Academia Galega, Fina Casalderrey, xunto con responsables do CEP Sequelo e do IES Illa de Tambo.
Na homenaxe terán un papel destacado os fillos e os netos de Eduardo Víctor Castro López, que herdaron del as súas inquedanzas pola educación, a música e a literatura. A alcaldesa de Marín, María Ramallo, intervirá no peche do acto, seguida dos intérpretes do Coro de Cámara Thalassa, que lle porán voz e melodía a algunhas composicións poéticas do arousán, que ten en Marín a súa “segunda patria”.


No hay comentarios:

Publicar un comentario