29 mar. 2016

Conmemoración do 85 aniversario da proclamación da II República

Acto: Conmemoración do 85 aniversario da proclamación da II República
Día: 14 de abril
Hora: 20h
Lugar: Pedra da Liberdade (ao carón do concello)
Organiza: Asociación Recuperación da Memoria Histórica de Marín
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín (ARMM), un ano máis, conmemora o aniversario da proclamación da II República con diversos actos que comezarán durante esta semana.
O xoves día 14, día propiamente dito do 85 aniversario da proclamación da II República, ás 20:00 h. realizarase a xa tradicional ofrenda floral e lectura dun texto conmemorativo ante a Pedra da Liberdade (situada nos xardíns ao carón do edificio do concello). Intervirá a vicepresidenta do Ateneo Santa Cecilia, Isabel Martínez, e Xulio Pardellas en representación da ARMM Marín. Contaremos coas intervencións musicais de Carmen Gallego e César Loureiro, e da Banda de Música “Amigos da República”.
Tamén o xoves e ás 20:30 h no salón de actos da biblioteca pública, terá lugar a proxección do documental "A volta dos nove" do director Antonio Caeiro e "O faiado producións", que conta cunha nominación na categoría de mellor documental nos Premios Mestre Mateo, 2015 e co premio do público no Festival Primavera do Cine, 2015
Un dos episodios máis dramáticos da represión franquista é o que aconteceu na chamada “A volta dos nove”. Nas Aforas de Baiona na noite do día 15 de outubro de 1936 nove homes, a maioría mariñeiros, eran asasinados despois de seren sacados da prisión. A comarca ficou conmocionada polo brutal acontecemento e a cada pouco nove cruces aparecían pintadas nas pedras á beira da gabia, na volta na que foran asasinados. Borrábanas, mais as cruces volvían aparecer.
Na noite do venres 15, a partir das 21:30 horas, compartiremos unha velada de fraternidade na IV Cea Republicana, no restaurante marinense Casa Pilán. Todas aquelas persoas que desexen asistir deberán facer a reserva previa no correo da asociación (memoriadmarin@gmail.com) ou no teléfono 628 255 072, indicando a opción de menú elexida (prato principal: arroz de marisco ou rodaballo). O prezo é de 20 euros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario