21 abr 2016

Charla “1916-2016 Cen anos das Irmandades da Fala”

Acto: Charla “1916-2016 Cen anos das Irmandades da Fala”
Día: 6 de maio
Hora: 20h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
Neste 2016 cúmprense os cen anos do nacemento das Irmandades da Fala, unha organización que podemos considerar un dos fitos fundamentais da historia contemporánea do país, e desde a Asociación Queremos Galego Marín sumámonos a esta celebración organizando unha charla coloquio o vindeiro venres 6 de maio. Para este acto, que comezará ás 20h na biblioteca municipal de Marín, contaremos coa intervención do historiador e profesor da Universidade da Coruña, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel.
En 1916 constituíuse na cidade da Coruña a Irmandade de Amigos da Fala, un movemento de reivindicación da lingua, que por primeira vez, reclama o seu uso pleno en todos os ámbitos da sociedade. A partir desta primeira xuntanza na que Antón Vilar Ponte é escollido Primeiro Conselleiro, comezan a constituírse Irmandades noutras localidades galegas, sumándose intelectuais e escritores como Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Castelao, Risco, Losada Diéguez ou Ánxel Casal.
Ás Irmandades debémoslle a creación do histórico xornal “A Nosa Terra”, que desde o primeiro momento foi ou seu voceiro, editándose sen interrupcións até o ano 1936.
Desenvolverán un intenso labor identitario, de creación de símbolos nacionais e de promoción da lingua. O firme compromiso e propósito das Irmandades da Fala de traballar por unha Galiza máis culta, libre, xusta e comprometida consigo mesma, supuxo unha nova forma de concibir o país, xa que, por primeira vez na historia, unha organización nada na Galiza decidía adoptar como eixo da súa definición a idea nacionalista, situando a nación como centro de decisión e como suxeito fundamental do seu devir, social, cultural e político.
En 1918 celebran a "I Asamblea Nazonalista Galega que reivindicou a autonomía integral, a oficialización da lingua e o pedimento de inclusión de Galicia na Sociedade de Nacións de Xenebra e a igualdade entre homes e mulleres.

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, historiador e profesor da Universidade da Coruña.
É Licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Barcelona coa tese “Nacionalismo Galego. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975).” Exerce como profesor na Universidade da Coruña, traballo que compaxina coa súa participación na Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza.
Os seus temas centrais de estudo e investigación son a historia do nacionalismo galego, os movementos sociais no tempo contemporáneo e a didáctica das Ciencias Sociais. Foi un dos cofundadores de “Murguía. Revista Galega de Historia” e na actualidade, desde o 2014, é o presidente da Fundación Alexandre Bóveda, da que é membro da Xunta Reitora e Padroado desde 2003.
É tamén impulsor do Manifesto Galeusca: 1933-2008 de historiadores, que deu lugar ao I Encontro Galeusca Historia (Barcelona, 2010), ao II Encontro Galeusca Historia (Bilbao, 2012) e ao III Encontro Galeusca Historia (A Coruña, 2015).
Ten colaborado tamén en diversas publicacións, como A Trabe de Ouro, Grial ou Terra e Tempo.
Algunhas das súas obras son:
  • Álvaro de las Casas. Biografía, documentos e epistolario, 2003, Galaxia.
  • Síntese histórica do soberanismo galego (1846-1936), 2008, Fundación para o Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza.
  • Síntese da historia social e política da Galiza desde 1800: de Carral á Irmandade Galega, 2011, Fundación para o Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza.
  • Nacionalismo galego aquén e alén mar. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975),2015, Laiovento.
  • A Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto, 2002, Fundación Alexandre Bóveda.



No hay comentarios:

Publicar un comentario