22 abr 2016

Concerto de Tino Baz

Acto: Concerto de Tino Baz
Día: 6 de maio
Hora: 21h
Lugar: Local do Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O músico da Guarda, gaiteiro e cantor, Tino Baz, ofrecerá un recital este venres no Ateneo Santa Cecilia de Marín, ás 21:00 horas. Cunha proposta vocal e escénica directamente vencellada coa palabra e coa música do Baixo Miño, o artista ofrecerá a súa particular dimensión da canción no que respecta ao tratamento vocal, á utilización de instrumentos populares e á especial pulcritude na interpretación de textos poéticos cantados, tanto de colleita propia como de autores sobranceiros da literatura galega.
Cunha ampla e contrastada experiencia ligada ao oficio dos cantores tradicionais, Tino Baz móvese dende a convicción concienciada de amosar a realidade viva da canción, ofrecéndolle ao público, en cada actuación, unha experiencia de interacción emocional coa música: “Dende a beleza, a sede de transformación social e de xustiza, dende a forza revolucionaria da gracia do canto”, explica o intérprete sobre o repertorio elixido para a súa visita ao Ateneo.
Da súa discografía destaca “Cinsa namorada”, gravado en 2008, que foi o seu primeiro traballo en solitario logo de ter colaborado con destacados grupos da música galega actual. Individualmente, Tino Baz ten actuado por toda Galicia e mesmo en países como Cuba, Brasil, Portugal, ademais de percorrer o resto do Estado, dende Madrid a Euskadi, pasando por Cataluña e Andalucía. Como músico, o seu estilo sobresae polo marcado acento tradicional, adaptado ás acústicas innovadoras do momento actual.
Destaca pola súa faceta docente, impartindo concertos pedagóxicos, obradoiros de instrumentos populares e charlas sobre o valor formativo e educativo da música, dende as raíces da tradición oral. Ademais, polo seu carácter miñoto e a súa proximidade con Portural, Tino Baz é un comprometido activista a prol da normalización da lingua e da cultura galega.
No acceso ao recital, os socios do Ateneo achegan unha doazón de 3 euros; 4 euros os non socios. A actividade conta coa colaboración do Concello de Marín.


No hay comentarios:

Publicar un comentario