25 abr 2016

Charla “Manuel María: Literatura e Compromiso con Galiza”

Acto: charla “Manuel María: Literatura e Compromiso con Galiza”
Día: 12 de maio
Hora: 20:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Almuinha
O vindeiro xoves 12 de maio ás 20:30h. a A.C. Almuinha celebrará unha charla no Museo Manuel Torres na que abordaremos a figura de Manuel María, o escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, nun acto que terá por título: "Manuel María: Literatura e Compromiso coa Terra".
Amais da súa faceta literaria, a vida de Manuel María destaca polo seu firme compromiso con Galiza.
Neste acto, enmarcado no programa de actividades da VII Festa da Lingua que organizamos desde a nosa asociación, contaremos coa participación de Marta Dacosta, poeta e profesora de Lingua e Literatura Galega no ensino medio, que fai parte do grupo de "Amigas e Amigos da Casa-Museo Manuel María".
Marta Dacosta Alonso naceu en Vigo o 29 de setembro de 1966. Licenciada en 1989 en filoloxía galego-portuguesa. É profesora de lingua e literatura galegas no ensino medio. Moitos dos seus poemas foron publicados en revistas como Olisbos, Dorna, Festa da Palabra Silenciada, en diversas publicacións colectivas e antoloxías...
Aínda que na súa producción literaria destaca a poesía ten tamén publicado algúns ensaios sobre lingua e literatura.
Comeza a publicar en revistas como Congostra, Olisbos ou A Peneira, diario no que obtén o I premio de poesía xuvenil en 1986, ou Lúa nova, da Asociación Cultural Rosalía Castro de Cornellá, onde gañou o III premio Rosalía Castro. 
O seu primeiro libro veu a luz en 1994, Crear o mar en Compostela, e desde entón ten publicado case unha ducia de libros.
Recibiu numerosos premios como o Premio de Poesía O Grelo (1993), Premio Miguel González Garcés (1995), Premio de Poesía Martín Códax (1997), Accésit Premio Esquío de Poesía (1999), Premio Johán Carballeira de Poesía (2013) e o I Premio de Poesía Figurante (2013).
Na actualidade exerce como docente do ensino medio, adícase á actividade sindical na CIG, forma parte da directiva da AELG.


No hay comentarios:

Publicar un comentario