13 may 2016

Charla “A eliminación da prórroga de Ence. Aspectos legais e mobilización social”

Acto: Charla “A eliminación da prórroga de Ence. Aspectos legais e mobilización social”
Día: 24 de maio
Hora: 20h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Plataforma Ence fóra para sempre
A Plataforma Ence Fóra organiza o próximo martes 24 de maio unha charla coloquio co título “A eliminación da prórroga de Ence. Aspectos legais e mobilización social que Contará coas intervencións de Antón Masa Vázquez, presidente da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, e de Alba Nogueira López, Doutora en Dereito e profesora titular na Universidade de Santiago de Compostela.
A recente concesión por parte do goberno en funcións do PP dunha prórroga de 60 anos á empresa ENCE, supón un duro golpe ás posibilidades de saneamento da Ría e hipoteca o futuro da comarca. Con esta decisión imposibilítase a recuperación dos recursos naturais, das praias urbanas, da saúde e calidade de vida das persoas e a creación de emprego, que ten que vir da man da explotación racional dos recursos naturais (pesca, marisqueo e monte) e turísticos.
Son moitas as fontes responsábeis da contaminación, de forma particular a falta dunha depuración axeitada das augas residuais de orixe doméstica e a presenza do complexo ENCE ELNOSA, o que se traduce –en ámbolos casos- na existencia dunha forte carga de materia orgánica e bacterias coliformes fecais.
Non debemos esquecer tampouco o impacto que terá a permanencia de ENCE en Lourizán sobre o monte galego da man da eucaliptización, un proceso contrario á biodiversidade e a un mundo rural vivo.
A Plataforma considerá fundamental revogar a prórroga así como acadar o saneamento integral da Ría, un obxectivo que pasa por intensificar a mobilización social. Neste contexto, chama a poboación da comarca e o conxunto da cidadanía galega a mobilizarse pola Ría camiñando o 4 de xuño desde Marín e Pontevedra ata a fábrica de ENCE e na festa-polbada que terá lugar ao remate na Praza de Os Praceres.
Antón Masa Vázquez
É licenciado en bioloxía, foi investigador da Misión Biolóxica de Galiza e Presidente da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra.
Alba Nogueira López
É Licenciada en Dereito pola USC e Doutora en Dereito pola mesma universidade. Profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela en Dereito Administrativo, no Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado.
Forma parte dos Consellos Editoriais e Científicos da Revista Llengua i Dret, Revista Catalana de Dret Ambiental e da Revista Actualidad Jurídica Ambiental.
Entre algunhas das súas monografías publicadas destacan:
Avaliación do impacto ambiental. Evolución normativo-xurisprudencial, cuestións procedimentais e aplicación sectorial (Atelier, 2009); Titularidade, competencias e fiscalidade das augas minerais e termais: marco comunitario de protección ambiental (Aranzadi, 2009) e A Termita Bolkestein (Civitas , 2012), entre outros.
Participou como experta no Comité Directivo da Democracia Local e rexional do Consello de Europa. Integrante do Observatorio de Políticas Ambientais do Consello da Cultura Galega

No hay comentarios:

Publicar un comentario