13 may 2016

Presentación “Caderno e Audiovisual Manuel María”

Acto: Presentación “Caderno e Audiovisual Manuel María”
Día: 24 de maio
Hora: 20:30h
Lugar: Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O Ateneo Santa Cecilia de Marín segue desenvolvendo actividades arredor do Día das Letras Galegas e da figura do autor homenaxeado, Manuel María. Este martes 24 de maio, ás 20:30 horas, presentarase o “Caderno e Audiovisual Manuel María”, realizado por Manuel Anxo Méndez, que foi editado e producido pola Agrupación Cultural Nós coa colaboración co Concello de Moaña. Todos os asistentes a este acto, no que tamén participará o presidente da Agrupación Cultural Nós, Xesús Cancelas, recibirán un exemplar do Caderno.
O Caderno Manuel María contén unha presentación sobre a relación de Manuel María coa vila de Moaña, onde realizou dous recitais de poesía e ten un paseo co seu nome, por acordo unánime da Corporación Municipal. A publicación tamén recolle os actos realizados en Moaña e Cangas con motivo de anteriores homenaxes feitas ao escritor, xunto cun resume da súa biografía, unha antoloxía poética, unha escolma de textos teatrais e da súa obra en prosa, e unha escolma de discografía de poemas musicados por intérpretes e grupos como Suso Vaamonte, María Manoela, Fuxan Os Ventos, Na Virada, Milladoiro ou A Quenlla, ademais de poemas recitados polo propio Manuel María.
O Caderno complétase con fotografías cedidas pola Casa-Museo Manuel María do seu arquivo familiar, portadas dos seus libros ou dos discos editados ao longo dos anos.
O Audiovisual, cunha duración de 20 minutos, presenta tres poemas recitados por Manuel María e composicións musicadas por Suso Vaamonde, María Manoela, Uxía Senlle, Milladoiro e A Quenlla. As imaxes desta montaxe percorren diferentes escenarios de Galicia, especialmente de Outeiro de Rei e da Terra Chá. Tamén abranguen aspectos como a emigración e episodios relacionados coa vida de Manuel María, cedidas pola Casa-Museo que leva o seu nome.
Manuel Anxo Méndez Fraguas, natural de Loureiro, en Cotobade, residiu en Marín ata 1972, ano no que se trasladou a Moaña para traballar como profesor no colexio público de Reibón. Dende entón involucrouse na actividade social, política e cultural da vila moañesa, da que foi nomeado fillo adoptivo en 2012. Foi impulsor da Alameda de Moaña, do Parque da Xunqueira, presidiu o Ateneo de Moaña e colaborou na Asociación Cultural-Gastronómico-Musical Os da Taza. Integrado no Comité de Axuda a Ascón, organizou unha exposición e posterior poxa de cadros de artistas galegos xunto co pintor marinense Antón Sobral e outros colaboradores. Tamén se sumou ás accións de rexeitamento contra os verquidos nucleares na Foxa Atlántica e na plataforma a prol da supresión da peaxe de Rande. Actualmente participa nas actividades da Agrupación Cultural Nós e da Asociación de Familiares de Enfermos do Alzhéimer do Morrazo. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario