15 may 2016

Roteiro pola protección do Outeiro da Carballosa e Agudelo

Acto: Roteiro pola protección do Outeiro da Carballosa e Agudelo
Día: 29 de maio
Hora: 10h
Saída: aparcamento da entrada a Pastoriza (Marín)
Organiza: Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 29 de maio un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural da contorna de Outeiro da Carballosa e Agudelo, lindante entre as parroquias de Ardán (Marín), Moaña (Moaña) e Cela (Bueu), e pertencente ao espazo natural dos Montes do Morrazo, dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais, forestal, de augas e patrimonial.
O roteiro, segundo desta primavera, será circular e sairá ás 10 h. do aparcamento da entrada de Pastoriza (Marín) para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.
O percorrido duns 8 kilómetros transcorrerá por viais rurais, camiños de pé, corredoiras, pista forestal e partes do sendeiro GR-59 do Morrazo e mais do sendeiro de curto percorrido de Chans, polos lugares de Pedra da Pousa, Monte Furcos, Outeiro da Carballosa, Agudelo, Chan das Bólas, Monte e capela de San Lourenzo, mámoa de Forno das Arcas, brañas do rego das Gorgadas, Pedra da Pousa e Pastoriza.
Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada PO-313 Marín-Moaña até a altura do seu kilómetro 8, no lugar da Cruz da Maceira, onde posteriormente hai que coller o desvío sinalizado que pon Pastoriza. Despois dun kilómetro está o aparcamento, á entrada do núcleo rural, onde existe unha.marquesiña de parada do bus e unha illeta de colectores do lixo.
Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado e protección solar apropiados para a estación primaveral.
Os puntos de maior interese a visitar do roteiro son:
A área forestal e de monte baixo de Pedra da Pousa e Monte Furcos, con carballeiras, bosque de repoboación e matogueira, onde aínda persisten as actividades silvícolas e a gandeiría extensiva.
A penedía rochosa e amplas panorámicas do espazo natural dos Montes do Morrazo, da ría de Vigo e da de Pontevedra, dende os altos de Outeiro da Carballosa e Agudelo, separados ambos os dous por un paso e delimitando os concellos de Marín e Moaña.
Cunha altura máxima de 495 metros sobre o nivel do mar do primeiro, e de 473 metros, o segundo, sobresaen polo interese xeomorfolóxico, coa abundancia de rocha granítica con fracturas ou diaclasas, formación de pías e cabalgamentos produto da erosión natural, e pola incipiente carballeira que existe nos altos ao seu redor, facendo honor ao topónimo do Outeiro da Carballosa, e destacando o de Agudelo, pola súa forma en punta.
As panorámicas son espectaculares con respecto á área máis alta do espazo natural dos Montes do Morrazo (Formigoso-Faro de Domaio-Coto do Home) e sobre o profundo val do rego da Fraga; sobre a contorna da ría de Vigo, asomando polo sur da provincia ata o norte de Portugal; e sobre a contorna da ría de Pontevedra que, no caso do Agudelo pola súa orientación, amplía sobre a ría de Arousa, cos altos da serra da Barbanza ao seu fondo.
A Chan das Bólas, que fai de límite das tres parroquias e os correspondentes concellos de Marín, Moaña e Bueu, destaca por ser a penechaira que se forma ao final dos altos, e que, ao mesmo tempo, fai de nexo do espazo natural dos Montes do Morrazo cara ao do Carballal de Coiro. Cuberta na actualidade por carballeiras, plantacións de frondosas e piñeiral e monte baixo, atopáronse na súa contorna os restos de dúas mámoas do neolítico, que vén amosar que hai máis de 5.000 anos xa existía presenza e actividade humana no lugar.
As ruínas da capela de San Lourenzo, do século XVII, están ubicadas no monte do mesmo nome, no límite entre as parroquias de Ardán e Cela.
A mámoa de Forno ou Furna das Arcas, no límite tamén das dúas parroquias anteriores, é outro vestixio do neolítico que, como valor, aínda conserva moitos dos esteos da construción do seu dolmen megalítico e, ademais, está ubicada na actualidade no interior dunha carballeira.
As brañas do rego das Gorgadas, afluente do rego Loira, forman parte do seu nacemento e representan un hábitat natural prioritario a nivel europeo de breixeiras húmidas atlánticas. A súa contorna próxima está cuberta por bosque de ribeira e carballeira.
A parte final do roteiro, por Pedra da Pousa, baixará por unha corredoira cara a Pastoriza, no que, de camiño ao aparcamento da entrada, transcorrerá por parte do seu núcleo rural e agropecuario, un dos mellor conservados da península do Morrazo.
As principais afeccións á contorna de Outeiro da Carballosa e Agudelo son as torretas e cableado áereo de alta tensión da liña Subestación Lourizán-Cangas, os monocultivos forestais e a eucaliptización. Tamén o foron varias vagas de lumes forestais.
Como principais ameazas, están o proxecto nas inmediacións dun parque industrial na Cruz da Maceira, no concello de Moaña, e a “ubicación alternativa” de catro aeroxeradores dentro da Área de Desenvolvemento Eólica (ADE) do Morrazo. Na década pasada estivo ameazado por outro parque empresarial nos montes de Pastoriza, no concello de Marín.
A protección de solo rústico é insuficiente polo que a Plataforma solicitou a Xunta de Galiza en marzo de 2012 a ampliación da Rede Natura cara a un novo LIC a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, que pola súa importancia natural e como corredor ecolóxico, recollera os espazos naturais dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro e outros ampliables, onde se ubicarían tamén a contorna de Outeiro da Carballosa e Agudelo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario