Día: 5 de xuño
Hora: 10h
Saída: aparcamento da entrada a Pastoriza (Marín)
Organiza: Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
Despois
de suspender o roteiro o domingo 29 de maio, a Plataforma en Defensa dos Montes
do Morrazo volve organizar o roteiro pola protección do Outeiro da Carballosa e
Agudelo o domingo 5 de xuño.
Con
este roteiro, segundo da primavera, que sairá ás 10h do aparcamento da entrada
de Pastoriza (Marín), a plataforma pretende dar a coñecer a importancia natural,
paisaxística e cultural da contorna de Outeiro da Carballosa e Agudelo,
lindante entre as parroquias de Ardán (Marín), Moaña (Moaña) e Cela (Bueu), e
pertencente ao espazo natural dos Montes do Morrazo, dentro de solo rústico de
especial protección de espazos naturais, forestal, de augas e patrimonial.
O
percorrido circular duns 8 kilómetros transcorrerá por viais rurais, camiños de
pé, corredoiras, pista forestal e partes do sendeiro GR-59 do Morrazo e mais do
sendeiro de curto percorrido de Chans, polos lugares de Pedra da Pousa, Monte
Furcos, Outeiro da Carballosa, Agudelo, Chan das Bólas, Monte e capela de San
Lourenzo, mámoa de Forno das Arcas, brañas do rego das Gorgadas, Pedra da Pousa
e Pastoriza.
Para
se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada PO-313 Marín-Moaña
até a altura do seu kilómetro 8, no lugar da Cruz da Maceira, onde
posteriormente hai que coller o desvío sinalizado que pon Pastoriza. Despois
dun kilómetro está o aparcamento, á entrada do núcleo rural, onde existe
unha.marquesiña de parada do bus e unha illeta de colectores do lixo.
Recoméndase que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do
aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu
vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e
calzado e protección solar apropiados para a estación primaveral.
Os
puntos de maior interese a visitar do roteiro son:
A
área forestal e de monte baixo de Pedra da Pousa e Monte Furcos, con
carballeiras, bosque de repoboación e matogueira, onde aínda persisten as
actividades silvícolas e a gandeiría extensiva.
A
penedía rochosa e amplas panorámicas do espazo natural dos Montes do Morrazo,
da ría de Vigo e da de Pontevedra, dende os altos de Outeiro da Carballosa e
Agudelo, separados ambos os dous por un paso e delimitando os concellos de
Marín e Moaña.
Cunha
altura máxima de 495 metros sobre o nivel do mar do primeiro, e de 473 metros,
o segundo, sobresaen polo interese xeomorfolóxico, coa abundancia de rocha
granítica con fracturas ou diaclasas, formación de pías e cabalgamentos produto
da erosión natural, e pola incipiente carballeira que existe nos altos ao seu
redor, facendo honor ao topónimo do Outeiro da Carballosa, e destacando o de
Agudelo, pola súa forma en punta.
As
panorámicas son espectaculares con respecto á área máis alta do espazo natural
dos Montes do Morrazo (Formigoso-Faro de Domaio-Coto do Home) e sobre o
profundo val do rego da Fraga; sobre a contorna da ría de Vigo, asomando polo
sur da provincia ata o norte de Portugal; e sobre a contorna da ría de
Pontevedra que, no caso do Agudelo pola súa orientación, amplía sobre a ría de
Arousa, cos altos da serra da Barbanza ao seu fondo.
A
Chan das Bólas, que fai de límite das tres parroquias e os correspondentes
concellos de Marín, Moaña e Bueu, destaca por ser a penechaira que se forma ao
final dos altos, e que, ao mesmo tempo, fai de nexo do espazo natural dos
Montes do Morrazo cara ao do Carballal de Coiro. Cuberta na actualidade por
carballeiras, plantacións de frondosas e piñeiral e monte baixo, atopáronse na
súa contorna os restos de dúas mámoas do neolítico, que vén amosar que hai máis
de 5.000 anos xa existía presenza e actividade humana no lugar.
As
ruínas da capela de San Lourenzo, do século XVII, están ubicadas no monte do
mesmo nome, no límite entre as parroquias de Ardán e Cela.
A
mámoa de Forno ou Furna das Arcas, no límite tamén das dúas parroquias
anteriores, é outro vestixio do neolítico que, como valor, aínda conserva
moitos dos esteos da construción do seu dolmen megalítico e, ademais, está
ubicada na actualidade no interior dunha carballeira.
As
brañas do rego das Gorgadas, afluente do rego Loira, forman parte do seu
nacemento e representan un hábitat natural prioritario a nivel europeo de
breixeiras húmidas atlánticas. A súa contorna próxima está cuberta por bosque
de ribeira e carballeira.
A
parte final do roteiro, por Pedra da Pousa, baixará por unha corredoira cara a
Pastoriza, no que, de camiño ao aparcamento da entrada, transcorrerá por parte
do seu núcleo rural e agropecuario, un dos mellor conservados da península do
Morrazo.
As
principais afeccións á contorna de Outeiro da Carballosa e Agudelo son as
torretas e cableado áereo de alta tensión da liña Subestación Lourizán-Cangas,
os monocultivos forestais e a eucaliptización. Tamén o foron varias vagas
de lumes forestais.
Como
principais ameazas, están o proxecto nas inmediacións dun parque industrial na
Cruz da Maceira, no concello de Moaña, e a “ubicación alternativa” de catro
aeroxeradores dentro da Área de Desenvolvemento Eólica (ADE) do Morrazo. Na
década pasada estivo ameazado por outro parque empresarial nos montes de
Pastoriza, no concello de Marín.
A
protección de solo rústico é insuficiente polo que a Plataforma solicitou a
Xunta de Galiza en marzo de 2012 a ampliación da Rede Natura cara a un novo LIC
a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, que pola súa importancia natural e
como corredor ecolóxico, recollera os espazos naturais dos Montes do Morrazo e
do Carballal de Coiro e outros ampliables, onde se ubicarían tamén a contorna
de Outeiro da Carballosa e Agudelo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario