28 jun 2016

Presentación “Contos e lendas arraianos”

Acto: Presentación “Contos e lendas arraianos”
Día: 29 de xuño
Hora: 20:30h
Lugar: Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
Este mércores, 29 de xuño, a partir das 20:30 horas, o escritor e etnógrafo José Rodríguez Cruz, colaborador do Ateneo Santa Cecilia, presentará o seu novo libro, titulado “Contos e lendas arraianos”, na compañía do director da editorial Xerais, Manuel Bragado.
Parte esencial do patrimonio cultural tradicional e inmaterial, os contos e as lendas que se transmitiron de boca en boca a longo dos séculos e a través das sucesivas xeracións, son manifestacións artísticas arraigadas no imaxinario colectivo que reflicten os medos, esperanzas e soños dun pobo. Coa desaparición da sociedade campesiña e do modo de vida tradicional, vai desaparecendo tamén a transmisión oral da palabra. Para evitar esa perda, José Rodríguez Cruz recolleu contos, relatos e lendas nos concellos da Gudiña, da Mezquita e nos arredores da raia galego-trasmontana, veciña das terras de Viana do Bolo. Esta colección de narracións ordenadas tematicamente, son o resultado dun longo traballo de campo que salva do esquecemento estes contos populares que forman parte da identidade cultural galega.

José Rodríguez Cruz (A Gudiña, 1956) centra os seus traballos de investigación etnográfica e histórica nas áreas do sueste da provincia de Ourense e a ambos lados da raia galegoportuguesa. É autor, entre outros títulos, de “Máscaras de Entroido no Surleste Ourensán” (1998); “Así falan na Gudiña” (2000); “Trazos sobre a vestimenta tradicional no Surleste de Ourense” (2004) ou “A festa dos Maios en Marín” (2014), xunto con Clodio González Pérez. Tamén é coautor de publicacións colectivas como “Un futuro para a lingua” (2002), “Palabra por palabra, contos da Policía” (2003) e “As Caras do Entroido Ourensán” (2009). Colabora en xornais e revistas culturais como “O Sil”, onde publica artigos relacionados co espazo fronteirizo entre Galicia e Portugal.O seu labor de investigación sobre a vestimenta tradicional galega foi recoñecido en varias edicións do Premio Antón Fraguas e do Premio de Investigación Raigame en 2007.

No hay comentarios:

Publicar un comentario