15 jun 2016

Presentación “Os soños na Gaiola”

Acto: Presentación “Os soños na Gaiola”
Día: 17 de xuño
Hora: 20:30h
Lugar: Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O venres 17 de xuño o Ateneo Santa Cecilia presentará nas súas instalacións a partir das 20:30h, a reedición especial do disco libro con poemas de Manuel María, “Os soños na Gaiola”, musicalizado e interpretado por Suso Vaamonde.
No acto participará Senén Vaamonde, irmán do recoñecido cantautor galego e promotor desta reedición, na que colaborou o Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago. Sumarase á presentación un grupo de escolares do CEIP Sequelo de Marín, que van cantar varias pezas incluídas nesta obra.
O Ateneo Santa Cecilia de Marín segue impulsando así as homenaxes ao poeta de Outeiro de Rei no ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Trala recente presentación do libro da profesora e investigadora Mercedes Queixas, “Labrego con algo de poeta: biografía de Manuel María”, estoutro acto está dirixido ao público familiar e á comunidade educativa.
“Os soños na gaiola”, considerado un disco pioneiro para o público infantil en galego, consta das 25 cancións orixinais do disco que se publicara por primeira vez en 1978, e que daquela recibira o Premio do Ministerio de Cultura ao mellor “disco infantil do ano”. Suso Vaamonde compuxo as melodías duns poemas do libro homónimo publicado por Manuel María en 1968.
Con motivo da recuperación do traballo discográfico, a publicación enriquécese con ilustracións da sobriña de Suso Vaamonde, Antía Vaamonde, acompañando os 25 textos de Manuel María.
O público tamén atopará senllas biografías do poeta lucense, exemplo de compromiso coa lingua e coa cultura galega, e do compositor pontevedrés, situado entre os referentes do colectivo Voces Ceibes e do movemento da canción-protesta en Galicia.

Tras presentarse en Vigo, Pontevedra, O Carballiño, A Coruña, Vilagarcía e Valdiviño, “Os soños na gaiola” chega á vila marinense nun acto aberto ao público.

No hay comentarios:

Publicar un comentario