Acto: Roteiro pola protección
dos montes de San Xián
Día: 9 de xullo
Hora: 18h
Saída: Igrexa de San Xián
(Marín)
Organiza: Plataforma en
Defensa dos Montes do Morrazo
A
Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o sábado 9 de xullo un
roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural dos
montes da parroquia de San Xián (Marín), tamén coñecida como “Marín de arriba”,
situados en solo rústico de especial protección de espazos naturais dentro do
espazo natural dos Montes do Morrazo, recollido nas Normas Subsidiarias e
Complementarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.
O
roteiro será circular e sairá ás 18 h. do Igrexario de San Xián para chegar ás
22 h. ao mesmo lugar.
O
percorrido, duns 8 kilómetros, transcorrerá por viais rurais, camiños de pé,
corredoiras, pista forestal e o GR-59 da Ecorrota do Morrazo polos lugares de
Igrexario, rego de Castiñeiras, Champás, A Carrasca, rego da Agrela, monte e
alto do Pornedo, Pena e Caeiro, A Agrela e Igrexario.
Para
se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada EP-0019
Marín-Figueirido, estando o acceso final no desvío da estrada en fronte da Casa
da Cultura de San Xián.
Recomendamos
que, de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do
aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu
vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e
calzado apropiados para practicar sendeirismo.
O
roteiro celebrarase desta volta, un sábado pola tarde para aproveitar a
posición do sol, antes do solpor, e ver con maior facilidade os gravados
rupestres dos complexos prehistóricos de petróglifos de Champás, A Carrasca e
Pornedo, aproveitando a franxa horaria diurna en que comeza a decrecer o efecto
térmico solar, atenuado á súa vez pola presenza de arborado en grande parte do
percorrido e a humidade ambiental resultante da área de ribeira da conca dos
regos de Castiñeiras e da Agrela. Ao saír ás 18h garántese tamén o poder gozar
perto do final do percorrido o solpor desde o alto do Pornedo cunhas amplas e
espectaculares vistas sobre a ría.
Os
puntos de maior interese que se visitarán neste roteiro son:
A
igrexa de San Xián dos Encoirados, da Idade Moderna cunha mestura
arquitectónica de estilo renacentista e barroco dos séculos XVI e XVIII.
A
área de ribeira dos regos de Castiñeiras, da Agrela e do Pornedo, pertencentes
á conca do rego Lameira. Con senllos nacementos na contorna natural das brañas
da Lagoa de Castiñeiras e en Chan da Lagoa, dentro tamén dos montes da
parroquia, e con embocadura cara á ría, no centro urbano da vila, conforman uns
ecosistemas ribeiráns con superficie arborada e brañas de grande importancia
ambiental pola súa humidificación e biodiversidade florística e faunística,
parte dela endémica, vulnerábel e de interese prioritario a nivel europeo.
Tamén
porque estes leitos fluviais fornecen da auga necesaria para o regadío e a
fertilidade das áreas de cultivo nos vales que conforman o núcleo rural da
parroquia de San Xián, e están relacionados así mesmo coa existencia -a nivel
etnográfico- de muíños hidráulicos, fontes e lavadoiros, dos que se visitarán
algúns exemplos en partes do percorrido.
Destacan
os complexos rupestres de Champás, A Carrasca e Pornedo, xunto co petróglifo
dos Sete Camiños, que suman unha ducia de estacións con gravados na rocha ao
aire libre e de distinta tipoloxía -espirais, circos concéntricos, cazoletas,
coviñas, zoomorfos, armas-, adscritos culturalmente á Idade do Bronce e datados
cronoloxicamente con ao redor de 4000 anos de antigüidade.
Malia
estaren todos integrados dentro do proxecto de creación do Espazo Natural e
Arqueolóxico dos Sete Camiños, os complexos ruspestres de Champás e A Carrasca
adoecen na realidade da sinalización e posta en valor ambiental e cultural
correspondente e necesaria, non só pola súa importancia patrimonial, senón
porque, pola súa situación xeográfica, fan de corredor e nexo de unión co
conxunto patrimonial e arqueolóxico de Chan de Castiñeiras e, á súa vez,
enlazan coa ruta das mámoas do Morrazo por Chan de Armada ata Chan de Arquiña,
no que entedemos e reivindicamos como unha única unidade ambiental e
arqueolóxica. Por iso, a Plataforma dos Montes do Morrazo anima a Comunidade de
Montes Veciñais de San Xián a manter e cumprir o seu compromiso de ampliar o
Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños por esta senda.
Alén
disto, ao carón ou na contorna destes gravados prehistóricos pódense atopar
outros petróglifos máis modernos e singulares que o veciño de Marín José Meijón
realizou ao longo do século pasado.
O
Monte Pornedo, tamén coñecido como Pituco, é unha área de monte baixo de
relevante importancia paisaxística , natural e cultural. Entre plantación mixta
de piñeiros e frondosas atopamos tamén breixeiras secas e vexetación pioneira
de interese comunitario a nivel europeo, xunto con especies de fauna vertebrada
e invertebrada de interese e mesmo prioritario. Desde as partes máis altas
deste espazo pódese gozar dunhas extraordinarias vistas panorámicas, desde Cabo
Udra ata Punta Faxilda coas Illas Ons ao fondo, da entrada da ría de
Pontevedra, e sendo considerado cos seus 245 metros de máxima altitude sobre o
nivel do mar un auténtico balcón sobre a vila de Marín e fronte á Illa de
Tambo.
Cómpre
salientar tamén a importancia social e económica, a nivel agroforestal, deste
espazo para a veciñanza pois neste desenvólvense actividades tradicionais
relacionadas coa roza e a silvicultura.
As
principais afeccións ata a actualidade dos montes da parroquia de San Xián
foron a eucaliptización, a invasión da acacia de madeira negra, a instalación
das torretas e cableado áereo de alta tensión da liña Subestación
Lourizán-Cangas, a construción da estrada VG4.4 ou variante de Marín, e a
canalización da auga potábel desde o río Lérez.
As
principais ameazas de cara ao futuro son o proxecto de construción dun polígono
industrial no monte Pornedo que, cunha superficie de 332.000 m2, aprobou
definitivamente o concello de Marín no seu PXOM e que foi integrado pola Xunta
de Galiza no seu Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais a nivel
autonómico. Outras ameazas futuras son o posible desdobramento da variante de
Marín en autovía, e a proposta alternativa de aeroxeradores nos altos da
Encavada, Graña e Castiñeiras dentro da Área de Desenvolvemento Eólica do
Morrazo, ordenada pola propia Xunta.
Ao
entender da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e doutros colectivos, a
protección de solo rústico coa que conta este espazo e outros de interese na
península morracense é insuficiente, e por esa razón esta Plataforma
solicitoulle á Xunta en marzo de 2012 a ampliación da Rede Natura cara a un
novo LIC a nome de “Montes e Carballeiras do Morrazo” que, pola súa importancia
natural e como corredor ecolóxico, recollera os espazos naturais dos Montes do
Morrazo e do Carballal de Coiro, máis outros ampliables. Esta ampliación
abranguería tamén os montes da parroquia marinense de San Xián, ao formar parte
estes do espazo natural dos Montes do Morrazo.
Outras
figuras de protección ambiental a ter en conta a nivel local serían a
declaración de Espazo Natural de Interese Local por parte do Concello de Marín
ou Espazo Privado de Interese Natural por parte da Comunidade de Montes
Veciñais de San Xián.
No hay comentarios:
Publicar un comentario