4 jul 2016

Acto de entrega dos Premios Lingua 2016

Acto: Premios Lingua 2016
Día: 8 de xullo
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín realizará o acto de entrega dos Premios Lingua 2016 este venres, 8 de xullo, a partir das 20h no Museo Manuel Torres de Marín.
Con este premio a asociación quere recoñecer publicamente o labor daquelas persoas e entidades que contribúen á normalización do noso idioma, cultura e medio e dar un pequeno tirón de orellas a aquelas persoas ou colectivos que a ignoran ou desprezan.
Este ano foron moitos nomes de persoas e colectivos que sairon á palestra para recibir o premio, mais finalmente as e os membros da asociación decidíronse polos seguintes:
Premio Lingua de Ouro, na categoría individual, Lara Dopazo Ruibal. Esta marinense nada no ano 1985 é un dos novos valores da literatura galega, sendo a gañadora de varios premios, entre eles o certame GZ Crea 2008 pola poesía “Dende Illa Peixe”, o Francisco Añón de poesía co poemario “Ovella” e a primeira edición do Premio Literario Nortear co relato “Clementina”.
Premio Lingua de Ouro, na categoría de colectivos, a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR). A asociación quere recoñecer con este premio a traxectoria insubornábel desta entidade na defensa da ría e máis concretamente pola súa loita contra a presenza do complexo industrial de Ence-Elnosa nesta. Para alén do seu traballo polo medio, a asociación tamén quere parabenizar a esta entidade polo seu emprego do galego como lingua de traballo e comunicación, creando e mantendo ademais un espazo social que favorece o seu uso.
Premio Lingua de Trapo. Este ano o Lingua de Trapo está destinado aos dous curas de Marín, José Antonio pedrosa (San Xulián) e Fernando Chacón (Santa María do Porto), que se negaron a realizar unha misa en galego na honra do pai paul Francisco Carballo, firme defensor do galego falecido hai xa dous anos. Con este premio, un pequeno tirón de orellas, Queremos Galego Marín quere reclamar unha maior implicación por parte da igrexa coa nosa lingua.
Durante o trascurso do acto, que terá lugar o venres 8 de xullo ás 20h no Museo manuel Torres, tamén se entregarán os premios aos vídeos gañadores da segunda edición do Concurso de Vídeos con Móbil pola Lingua. Con este concurso a Asociación Queremos Galego Marín pretendia ligar, especialmente entre a xente máis nova, o uso das novas tecnoloxías co uso do galego. Baixo títulos tan suxerentes como “somos fala”, “tódalas bocan contan” ou “touporroutou” presentáronse un vídeos cheos de imaxinación, calidade e compromiso co galego que se poden ver na seguinte ligazón http://queremosgalegomarin.wix.com/aqgm#!blank-2/x178l.
A velada será presentada polas artistas e actrices viguesas da Asociación Trabalingua e contará con distintas convidadas e convidados para entregar tanto os Premios Lingua como os do concurso de vídeos. Tamén haberá teatro da man da aula de textos teatrais da Asociación Queremos Galego Marín que dirixe o actor, director e dramaturgo Zé Paredes, e música da man da violinista marinense Tatiana Cidrás.
Cómpre salientar que para a VII edición dos Premios Lingua a Asociación Queremos Galego Marín contou coa colaboración do artista uruguaio, afincado en Marín, Marcelo Skapinachis para crear as figuras que se entregarán á premiada e premiados cos Premios Lingua.
Ao rematar o acto a festa trasladarase á terraza dun bar próximo onde as persoas que o desexaren poderán tomar uns pequenos petiscos de balde.


No hay comentarios:

Publicar un comentario