19 jul 2016

VIII Romaría do Día da Patria

Acto: VIII Romaría do Día da Patria
Día: 23 de xullo
Hora: 21h
Lugar: Taberna de Lucho (Santo Tomé)
Organiza: Almuinha
O vindeiro sábado día 23 de xullo a A.C. Almuinha organiza a VIII Romaría do Día da Patria. Nesta ocasión celebrará unha cea a partir das 21:00h. na taberna de Lucho (Santo Tomé de Piñeiro), que terá un prezo de 17 euros e estará amenizada con algunha intervención musical. Para asistir á cea é preciso apuntarse por correo electrónico (a.c.almuinha@gmail.com) ou por mensaxe privada no Facebook da A.C. Almuinha.
É un encontro de confraternidade ao que a asociación convida a todas as persoas que sintan a necesidade de que a nosa Terra sexa dona de si mesma e conte con poder de decisión real para afrontar os importantes retos da nosa sociedade nuns tempos de crise que determinan un futuro incerto para a supervivencia do noso pobo.
Desde a A.C. Almuinha, como asociación sociocultural comprometida coa realidade na que vivimos, e polo tanto co noso País, considera que o 25 de xullo, Día Nacional de Galiza, convírtese nun momento de especial relevancia para a reivindicación dos plenos dereitos da nosa Terra, polo que desde o nacemento da nosa asociación alá polo ano 2008 organiza na nosa vila unha actividade para celebrar esta data, coa única excepción do ano pasado.
Almuinha parte do convencemento de que o desenvolvemento integral dos pobos só se acada cando se dispón dos mecanismos de decisión suficientes para poder levar a cabo políticas favorábeis ás maiorías sociais, así como que só nestas circunstancias se producen as condicións para que as expresións e manifestacións de todo tipo de calquera colectividade, incluídas por suposto as culturais, se manifesten na súa plenitude.

Almuinha anima, pois, a todas aquelas persoas que apostan porque o pobo galego teña a capacidade de determinar libremente o seu futuro a que se apunten á cea, e a gozar dunha boa noite entre compañeiros/as, con independencia das diferentes interpretacións e propostas que cada quen poida ter para acadala.

No hay comentarios:

Publicar un comentario