4 jul 2016

Inauguración exposición “Maquetas dos faros de Galicia”

Acto: Inauguración exposición “Maquetas dos faros de Galicia”
Día: 5 de xullo
Hora: 20:30h
Lugar: Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O Ateneo Santa Cecilia inaugurará este martes, 5 de xullo, a partir das 20:30 na sede da rúa Caracol, unha exposición de maquetas dos faros de Galicia do vilagarcián Rafael sabugueiro.
Esta colección reúne máis dunha vintena de réplicas a escala, entre as que se pode atopar –por primeira vez- o faro Tenlo da illa de Tambo. . A obra de Rafael Sabugueiro é o resultado de máis de 15 anos de investigación e documentación; un traballo artesanal a partir dos planos orixinais das edificacións máis sobranceiras da costa galega.
Coincidindo coa apertura da exposición, que se poderá visitar ata o 29 de xullo de martes a venres en horario de 18:00 a 21:00 horas, e os sábados de 11:00 a 14:00 horas, tamén se vai proxectar a curtametraxe “Los guardianes de la ría: fareros”, do artista visual vigués Xandro Barberena, que se estreou recentemente no Museo do Mar de Vigo.
Con imaxes tomadas na ría de Vigo, en puntos como Cabo Silleiro, Monte Faro, Punta Robaleira, Cabo Home, ou as illas de Ons e Sálvora, e utilizando a técnica do time-lapse, o autor logrou plasmar imaxes de extraordinaria beleza paisaxística.
Este documental complétase co testemuño do fareiro José Antonio Mera, a través da súa experiencia ao longo de 13 anos traballando no control dos faros e das balizas dende Cabo Silleiro a Cabo Home, ata que a instalación de paneis solares e a privatización do servizo supuxo o punto e final á súa traxectoria profesional.

No hay comentarios:

Publicar un comentario