5 oct 2016

Roteiro pola protección de Castelo de Barbudo e Os Pedrouzos

Acto: Roteiro pola protección de Castelo de Barbudo e Os Pedrouzos
Día: 9 de outubro
Hora: 10h
Saída: Parque recreativo de Pardavila
Organiza: Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, organiza o domingo 9 de outubro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural dos lugares de Castelo de Barbudo e Os Pedrouzos, entre os montes das parroquias de San Xián e Santo Tomé de Piñeiro, dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais, no concello de Marín.
O roteiro, primeiro deste outono, será circular e sairá as 10 da mañá do parque recreativo de Pardavila para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.
O percorrido transcorrerá por corredoira, pista forestal e camiños de pé polos lugares de Castelo de Barbudo, Os Pedrouzos e As Regueiras.
Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada PO-313 (Marín-Moaña) ata as inmediacións da rotonda que existe baixo do viaduto da variante de Marín VG-4.4, en Pardavila. Se se vén desde Marín, hai que atravesala en dirección Moaña e despois duns 300 metros, á man esquerda, preto do cruceiro de Pardavila, hai que coller un desvío que nos levará por un pequeno vial asfaltado ata o parque recreativo. No caso de vir desde Moaña, o desvío estará a man dereita. Tamén se pode acceder por debaixo do viaduto da variante por un pequeno vial en subida, fronte da rotonda da PO-313. (Pódese ver no googlemaps o punto de saída pulsado aquí)
Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outra persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para camiñar polo monte e na estación outonal.
Os lugares de maior interese a visitar son:
– O Castelo de Barbudo que, cos seus 300 metros de altitude sobre o nivel do mar, está dentro de solo rústico de especial protección de patrimonio cultural. Denominado tamén a nivel local como Outeiro dos Mouros e fortificado ao natural pola penedía, posúe os vestixios dun xacemento castrexo prerromano -o topónimo Castelo deriva de castro-, onde se atoparon restos de cerámica e tella cunha adscrición medieval, produto dunha reocupación humana posterior. Tamén posúe a nivel da cultura inmaterial algunhas lendas referentes a supostos encantamentos e ruídos paranormais. Na actualidade está ocupado con plantacións de piñeiro e carballeira e,entre o seu arborado, posúe un amplo dominio visual sobre a súa contorna, preferentemente cara ao oeste co monte das Penizas e nos seus extremos dos castros da Subidá e das Pidreiras, cos que comparte conexión na paisaxe, da que forma parte a orixe oronímica que Barbudo ten sobre o lugar.
-Os Pedrouzos, que vén do topónimo anterior de Pedrousos, é un exemplo claro tamén de orónimo con referencia á xeografía, referente á grande presenza da pedra e a rocha na zona.
Situado ao redor dos 400 metros de altitude, en áreas de monte aberto a matogueira e entre a penedía, posúe a nivel paisaxístico unhas das mellores panorámicas morracenses dos cumes do espazo natural dos Montes do Morrazo –Coto Redondo, Coto do Home, Faro de Domaio, Formigoso, Outeiro da Carballosa e Agudelo- e mais de Outeiro de Campolongo e o Monte Cernello. Do val que conforman os regueiros de Maceiras, do Neibó, de Cachadiñas e de Cardadeiro, afluentes á súa vez do río Loira, cos núcleos rurais de poboación, mosaico agropecuario de veigas de cultivo e bosques de ribeira, entre as parroquias de San Xián, Santo Tomé de Piñeiro e Sta Mª do Campo. E da ría de Pontevedra con Cabo Udra, Monte Sobareiro e da Cova, Punta Festiñanzo e Punta Cabicastro no Salnés, e as Illas Ons delimitando a vista ao fondo e cara ao mar aberto.
Posúe tres estacións de gravados rupestres e os vestixios dun asentamento, datados no seu conxunto na Idade do Bronce. Con gravados de distinta tipoloxía –circos concéntricos, apéndices, coviñas e armas- representan os petróglifos catalogados a maior altitude do municipio -dous deles superan os 400 metros de altitude- e dos máis altos atopados na comarca. Por outra banda tamén existen na zona varios gravados rupestres de datación moderna realizados no transcurso do século pasado polo veciño marinense José Meijón. Cómpre destacar que na súa proximidade se pode atopar o conxunto patrimonial megalítico das mámoas de Pedralonga e Chan de Castiñeiras, ao redor do parque da natureza da lagoa de Castiñeiras, co que fai función de corredor ambiental e cultural.
– As Regueiras, destaca pola plantación forestal con frondosas autóctonas -na súa maioría souto de castiñeiros- dentro do monte comunal da parroquia de San Xián. Na proximidade, e con referencia á orixe hidronímica do lugar, tamén destaca a presenza de bidueiros e de salgueiros, dentro da conca do nacemento do regueiro de Cardadeiro e mais por outra parte do río Lameira. Tamén destaca polos vestixios doutro asentamento da Idade do Bronce a engadir aos xacementos arriba citados, reflexo da intensa actividade humana que, por estes montes, existía xa ao redor de hai 4.000 anos.
As principais afeccións nas últimas décadas foron a instalación de torres e cableado aéreo eléctrico, os monocultivos forestais, a eucaliptización, o abandono das actividades silvícolas, os incendios forestais e o abandono e falta de posta en valor do patrimonio cultural e arqueolóxico.
As principais ameazas para a súa contorna son a localización alternativa de tres aeroxeradores dentro da Area de Desenvolvemento Eólica (ADE) do Morrazo, e, na súa proximidade, o proxecto de investigación mineira para a extracción de granito ornamental a nome de “Miñán”.
A protección actual de solo rústico de espazos naturais fica insuficiente para estas áreas naturais.
Por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma solicitoulle á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que, a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, acollera os espazos naturais dos Montes do Morrazo –onde están integrados Castelo de Barbudo e Os Pedrouzos- e o Carballal de Coiro e mais outros ampliables.


No hay comentarios:

Publicar un comentario