9 ene 2017

Charla Traducir ao galego. Importancia e estado da tradución ao galego

Acto: Charla Traducir ao galego. Importancia e estado da tradución ao galego
Día: 13 de xaneiro
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín organiza o 13 de xaneiro unha mesa redonda sobre o mundo da tradución da literatura doutras linguas ao galego.
A Asociación Queremos Galego Marín comeza o ano 2017 cunha actividade ao redor do mundo da tradución de obras literarias noutras linguas ao galego para dar a coñecer a súa importancia e o actual estado desta actividade.
Ningunha lingua e ningunha literatura poderán estar plenamente desenvolvidas e normalizadas ata que as e os seus lectores poidan acceder na súa propia lingua a toda ou a grande parte da literatura universal. Xa os romanos, conscientes da súa importancia, comezaron a traducir os pensadores gregos, que á súa vez xa traducirán as principais obras de referencia das culturas orientáis. Na idade media os reis e gobernantes italianos, franceses, alemáns e ingleses comezaron unha política planificada de tradución do saber clásico para desenvolver a súa lingua como método para reafirmar a súa indentidade.
A lingua e cultura galega, por motivos políticos, veu interrompido este proceso a partir do século XIV e aínda que a partir do Rexurdimento renaceu a conciencia lingüística e con esta retomouse a tradución dalgunhas obras, nunca a lingua conseguiu vivir plenamente e de xeito normal en todos os ámbitos. Por iso, as traducións ao galego son tan importantes. Por unha banda, serven para nos dar a coñecer literaturas e culturas alleas, e pola outra son un instrumento de creación da lingua que contribúe á ampliación do léxico, á flexibilación da sintaxe, normalizan o galego e en definitiva fan que medre a nosa lingua.
Para esta mesa redonda, que terá lugar o venres 13 de xaneiro ás 20h no Museo Manuel Torres, a Asociación Queremos Galego Marín contará coa presenza do escritor e tradutor morracense Henrique Harguindey e dunha representante de Rinoceronte Editora, editorial especializada en literatura traducida, Estela Villar.
Henrique Harguindey Banet, lugués afincado no Morrazo, é un licenciado en Filoloxía Francesa e catedrático de francés que alén de escribir ensaios, tamén ten traducido ao galego máis dunha trintena de obras de autores como Victor Hugo, Marc Wasterlain, Voltaire, Eugène Ionesco.
Estela Villar Nogueira (Arcade, 1990) forma parte dunha nova xeración de tradutores formados na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Licenciada no 2013, leva traballando dende entón en Rinoceronte Editora, desenvolvendo o seu traballo como tradutora e correctora de textos literarios e educativos. Entre as súas obras traducidas e publicadas, atópanse O Parnaso sobre rodas, de Christopher Morley (Rinoceronte, 2014) e Festa no xardín, de Katherine Mansfield (Rinoceronte, 2016), do inglés ao galego. Tamén traduciu do galego ao castelán novelas como Treinta y dos dientes, de Xabier López; Cuentos del mar de Irlanda, de Xurxo Souto, ou Dark Butterfly, de Xina Vega, todas elas publicadas no selo Pulp Books.
Rinoceronte Editora é a primeira editorial especializada na publicación de obras traducidas ao galego. Naceu en Cangas do Morrazo en 2005 coa intención de importar para a nosa lingua literatura estranxeira, fundamentalmente recente, e en especial de ámbitos culturais e lingüísticos inéditos en galego. Entre as principais coleccións desta editora atópanse a Colección Vétera (obras literarias anteriores ao século XIX), a Colección Nova (obras dos séculos XIX, XX e XXI) ou a Colección Novela Gráfica.



No hay comentarios:

Publicar un comentario