14 feb 2017

Charla: Do valego aos xentilicios de Galiza

Charla: Do valego aos xentilicios de Galiza
Día: 24 de febreiro
Hora: 20h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín organiza unha charla o vindeiro venres 24 de febreiro ás 20h na Biblioteca de Marín sobre as falas de orixe galega do Val do Ellas e os xentilicios galegos.
Nesta charla, enmarcada na sección “Ser Lingua non é fácil”, presentaranse os dous últimos traballos de investigación do filólogo, investigador e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas.
O primeiro dos libros “O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura)”, é o resultado de vinte anos de continuas visitas do autor á zona para recoller material que en forma de artigos debulla con paixón e claridade expositiva, entre outros aspectos, a onomástica e a historia do galego na zona, fai a hipótese sobre o mantemento da fala e a súa polémica adscrición lingüística e fai unha completa caracterización fonética, morfosintática e léxica. Tamén neste libro analiza a situación sociolingüística e da urxente necesidade de codificación destas falas para ás que propón unha solución á galega.
A través deste libro e das explicacións do seu autor durante o acto, as persoas que asistan poderán coñecer os tres concellos que conforman o Val do Ellas, Valverde de Fresno, As Ellas e San Martiño de Trebello, os seus habitantes falan unha lingua de orixe galega.
O segundo dos libros, “Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega”, trátase dun estudo onde o autor analiza como moitos medios de comunicación se inventan xentilicios nas súas novas, e como estes callan na sociedade ao non existir xentilicios derivados do topónimo no 90% dos lugares de Galiza e demais territorios de lingua galega.
O que existen segundo o autor son ditados tópicos e os alcumes colectivos como que fan que por exemplo as e os de Sanxenxo sexan lilainos. O autor sinala neste estudo, o actual empeño en inventar ou deturpar xentilicios co obxectivo de castelanizar aínda máis a nosa sociedade, xa que estes xentilicios non toman como base para a súa elaboración sufixos galegos, senón casteláns. Así por exemplo en moitas novas pódese ler chairense en vez de chairego, rosalino no canto de rosaleira, focense polo galego focega.
Xosé Henrique Costas é o director do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, especialista en Sociolingüística e Dialectoloxía das falas exteriores do galego, ademais de tradutor e poeta.
Ademais destes dous estudos que presentará en Marín, ten publicado distintos ensaios sobre distintos aspectos do galego entre os que cómpre destacar:
·         Aspectos sociolingüísticos do bilingüismo en Galicia segundo os alumnos da segunda etapa de EXB (1986)
·         Galego Coloquial (1986)
·         1.000 nomes galegos (1991)
·         Dicionario galego de sinónimos (1997)
·         The Galician Language in Education in Spain (2001).
·         Guía das linguas de Europa (2001).


No hay comentarios:

Publicar un comentario