7 feb 2017

Conferencia: “O patrimonio cultural de Marín, unha situación de urxencia”

Conferencia: “O patrimonio cultural de Marín, unha situación de urxencia
Día: 23 de febreiro
Hora: 20h
Lugar: Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O arqueólogo marinense Álvaro Arizaga Castro, profesor na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, impartirá unha charla este xoves a partir das 20:00 horas no Ateneo Santa Cecilia, co lema «O patrimonio cultural de Marín, unha situación de urxencia». “A urxencia no patrimonio cultural é moi grave e os riscos con inminentes”, ten advertido este profesional nunha recente carta aberta ao Concello de Marín.
Arizaga vén advertido dende hai varios anos aos responsables municipais -a través de varios informes- da necesidade de abordar unha fonda revisión do catálogo arqueolóxico do PXOM, no que todos os elementos inventariados están “mal localizados e insuficientemente protexidos”. A xuízo deste arqueólogo e profesor, as deficiencias que presenta o planeamento urbanístico dende o punto de vista patrimonial fan que sexa “o peor, con diferenza, de todos os plans urbanísticos recentes” do que teñen referencia os expertos.
A raíz das agresións cometidas sobre os conxuntos arqueolóxicos da Carrasca e do Pornedo -o primeiro danado e o segundo a piques de resultar afectado- como consecuencia duns traballos de desbroce encargados pola comunidade de montes, a Corporación Municipal de Marín aprobou a elaboración dun Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico. A posta en marcha dese plan, segundo Álvaro Arizaga, é “urxente” para evitar futuros atentados contra o patrimonio arqueolóxico como consecuencia de tarefas forestais incontroladas como as sucedidas en San Xulián e mais no castro da Subidá recentemente, para perseguir actos vandálicos como os que o pasado verán se produciron nun dos petroglifos de Mogor, ou para frear o ataque das termitas no Templo Antigo de Marín, entre outros exemplos preocupantes.
Abundando no seu compromiso coa historia, coa cultura e co patrimonio de Marín, o Ateneo Santa Cecilia organiza esta conferencia facendo un chamamento á participación da veciñanza e dos colectivos que comparten esta sensibilidade; así como daqueles que desexen coñecer a situación actual na que se atopan os xacementos e as medidas propostas con criterios profesionais por Álvaro Arizaga para contribuír á súa preservación.


No hay comentarios:

Publicar un comentario