5 feb. 2017

Conferencia: “Os ritos e o significado do entroido galego”

Conferencia: “Os ritos e o significado do entroido galego”
Día: 17 de febreiro
Hora: 20h
Lugar: Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
“Os ritos e o significado do Entroido galego” é o tema da conferencia que impartirá o antropólogo Rafael Quintía neste ‘Venres do Ateneo’, a partir das 20:00 horas, con entrada libre. Ademais de facer un repaso polas representacións do Entroido máis coñecidas, como as protagonizadas polos peliqueiros de Laza, as pantallas de Xinzo ou os cigarróns de Verín, tamén se fará un percorrido por outras celebracións destacadas en Trives, Manzaneda ou Viana, e falarase da recuperación de expresións tan sobranceiras como os Xenerais e Correos do Ulla, os merdeiros de Vigo ou os troteiros de Bande.
Como explica o ponente no seu blog, ‘Á sombra de Bouza Panda’, que remite aos estudos de Antonio Fraguas ou Vicente Risco, a orixe do Entroido é incerta e na actualidade é unha festa popular na que conflúen ritos cristiáns e pagáns que marca o periodo de transición entre o fin do inverno e o comezo da primavera.
En diferentes entrevistas, Rafael Quintía ten alerdado da tendencia á “turistificación” do Entroido, diante do risco de quedar reducido ao seu aspecto lúdico, satírico e estético, cando na súa esencia está o carácter “participativo, ritual e poliédrico”. Para este experto, no cerne do Entroido está o rito que se oficia, que se rexe por unhas normas.
Fronte á “homoxeneización cultural” derivada do fenómeno actual da globalización, Quintía sostén que se está a producir unha reafirmación das identidades colectivas, que deriva na volta ao Entroido como tempo de transgresión e crítica ás institucións máis importantes da sociedade a través de múltiples celebracións por toda Galicia, na que destaca a riqueza e abundancia de matices deste tesouro cultural que cómpre conservar e revitalizar.
Licenciado en Antropoloxía Social e Cultural, ademais de en Ciencias Económicas e Empresariais, Rafael Quintía é escritor, documentalista e músico tradicional. É membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Ten gañado os principais premios de investigación cultural: o Ramón Piñeiro de Ensaio (2016), o Vicente Risco de Ciencias Sociais (2015) e o Luís Cuadrado (2010). Dende 2013 coordina as “Xornadas sobre O Entroido de Galiza” que organiza o SAGA en colaboración co Concello de Pontevedra.
Publicou una decena de ensaios: “Monte das Croas. Antropoloxía dun castro” (2016), “Análise estrutural e simbólica do mito da Moura” (2016), “La historia de Galicia en 50 lugares” (2015), “Uso simbólico do cuarzo na cultura galega. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos” (2015), “Patrimonio inmaterial de San Martiño de Salcedo. Lendas, historias e crenzas” (2014), “Alicornio. O poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega” (2013) ou “A Nosa Señora da Lanzada. Antropología de un santuario costero” (2011), entre outros.
Participou na dirección e no guión de documentais como “Madamas e Galáns. Historia do Entroido de Cobres” (2016), “Muíños, a memoria da auga” (2016), “Comuneiros. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo” (2011), “Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños: encrucillada do tempo” (2012) ou “Monte do Seixo, a Montaña Máxica” (2009).
Ademais, dirixe a publicación “Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza” e colabora con varios medios na publicación de artigos, xunto coa súa participación en xornadas e congresos sobre antropoloxía, campañas arqueolóxicas e proxectos de posta en valor do patrimonio.


No hay comentarios:

Publicar un comentario